Publicador de contidos
Publicador de contidos

O plan director do corredor atlántico presentarase no mes de outubro

O plan director do corredor atlántico presentarase no mes de outubro

O presidente da CEG asegura que así llo transmitiu o comisionado do Goberno 

Juan Vieites agoira consecuencias económicas pola parálise política que di detectar   

G24.gal 17/09/2023 10:15 Última actualización 17/09/2023 11:52

O plan director do corredor atlántico presentarase en outubro tal e como se anunciara previamente, segundo afirmou o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia -CEG-, Juan Vieites, nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega.

Vieites asegura que isto lle transmitiu o comisionado do Goberno en relación a este nó de comunicacións, José Antonio Sebastián Ruiz.  

O presidente da patronal galega afirma que na reunión mantida esta semana pasada co comisionado e con responsables ministeriais lles comunicaron prazos dos tramos que afectarían a Galicia, aínda que Vieites non entrou en detalles, detalles que o presidente da patronal cre que se darán a coñecer o 28 de outubro en Madrid, data na que, segundo dixo, haberá unha reunión con responsables dos corredores de mercadorías de toda a Unión Europea. 

"No próximo mes presentarase o plan director. Creo que é fundamental. A nós explicóusenos perfectamente ese plan director e cada un dos tramos que pasan por Galicia e a cantidade xa dentro deses 1.600 millóns de euros que ten o corredor atlántico noroeste. Ademais, teño que dicir que é moi similar ao corredor do mediterráneo, segundo nos indicaron. 900 millóns xa están licitados e faltan eses 700 millóns por licitar ou están en vías de solución".

Vieites tamén afirmou que dende o Ministerio de Transportes lles aseguran que a reconstrución do viaduto do Castro da A-6 está en prazo así como a chegada dos trens AVRIL , de ancho variable. 

Situación política e económica

O presidente da patronal galega avisou de que a situación política actual xera preocupación no sector empresarial. Vieites agoira consecuencias económicas pola "parálise política" que di detectar.   

"O sector empresarial está preocupado. Houbo un retroceso nos investimentos, tamén no crecemento do emprego e iso temos que volver miralo para que as empresas teñan confianza. Tamén o clima electoral destes momentos non favorece nada e iso é o que as empresas están a valorar aínda que están a tirar para adiante".  

Para Vieites é "fundamental" para atraer investimentos "fomentar a confianza dos investidores" nun contexto político inestable. Tamén critica que se volva pedir subir o salario mínimo ao considerar que "lastra a contratación" e "dinamita as pontes cos empresarios e o diálogo social". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade