Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Constitucional prevé resolver o recurso contra o aborto trece anos despois

O Constitucional prevé resolver o recurso contra o aborto trece anos despois

O Pleno comezou a debater este mércores o asunto máis lonxevo que ten pendente a corte de garantías

O recurso do PP pretende ilegalizar o aborto salvo nos tres casos que recollía a lei de hai 38 anos

G24.gal 09/02/2023 09:46 Última actualización 09/02/2023 10:47

O Tribunal Constitucional (TC) prevé resolver este xoves o recurso do PP contra a lei do aborto impulsada no 2010 polo goberno de José Luis Rodríguez Zapatero.

Rexeitadas as abstencións e recusacións contra catro maxistrados, o Pleno arrincou este mércores o debate do asunto máis mediático e lonxevo que ten pendente a corte de garantías.

As deliberacións comezaron polo maxistrado Enrique Arnaldo, que no seu relatorio avala a lei de 2010 e só ve inconstitucional unha cuestión, o artigo que regula a información que reciben previamente as mulleres ao considerar que non é suficiente.

Propón, ademais, delimitar a interpretación de dous conceptos: que a obxección de conciencia non sexa só para o persoal sanitario que participa na intervención senón que se estenda ás persoas implicadas con anterioridade, e a referencia á saúde social para xustificar o aborto euxenésico.

Tras el, varios maxistrados tomaron a palabra para expoñer a súa posición, polo que a deliberación está a ser "intensa". Porén, fontes xurídicas cren "probable" que este xoves o Pleno poida emitir o seu veredicto.

O recurso leva case trece anos no caixón e o presidente do Tribunal Constitucional Cándido Conde-Pumpido considera prioritario resolvelo.

A maioría progresista, de sete a catro no pleno, ten intención de avalar integramente a lei do aborto sen aceptar limitacións ou condicións ao dereito ao aborto.

Se ocorre, ábrense dous escenarios: que Arnaldo asuma a tese da maioría e redacte un voto particular, que adoita ser o máis común nestes casos, ou que renuncie ao relatorio para que sexa outro maxistrado o que o redacte conforme ao sentir maioritario e se aprobe no seguinte pleno.

A lei e o recurso

A Lei Orgánica de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo estableceu o aborto libre como un dereito da muller ata a semana 14, e ata a 22 en caso de risco da vida ou saúde da muller ou graves anomalías no feto.

O recurso considera inconstitucional a chamada "lei de prazos" de 2010 fronte á "lei de supostos" de 1985, é dicir, pretende ilegalizar o aborto salvo nos tres casos que recollía a norma de hai 38 anos.

Daquela, só era legal facelo no suposto de violación; ata 22 semanas en casos de riscos de malformacións do feto, e sen límite no caso de perigo para a saúde física e mental da nai.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade