O PP anuncia un recurso de amparo contra a reforma do Código Penal do Goberno
O PP anuncia un recurso de amparo contra a reforma do Código Penal do Goberno
A reforma do texto lexislativo proposta polo Goberno eleva aínda máis a tensión entre populares e socialistas
Pilar Alegría asegura que o PP tenta "invalidar" a soberanía popular co bloqueo á renovación dos órganos xudiciais
O PSOE e Unidas Podemos sustentan as emendas que inclúen un novo delito de enriquecemento ilícito en paralelo á reforma da malversación e cambios na lei orgánica do Poder Xudicial para renovar o Constitucional.
Este sábado, a ministra e voceira do PSOE, Pilar Alegría, sinalaba que o obxectivo é afondar na loita contra a corrupción e, por outra parte, evitar o secuestro do poder xudicial por parte do PP.
"O que si que lle pediría ao Partido Popular é que respecte, que respecte a cidadanía deste país porque non debería esquecer o Partido Popular que a soberanía do pobo deste país trasládase nos votos. O que debería facer o señor Feijóo é deixar de escribir tanto chío e dar explicacións a esta política antisistema".
Culpou o PP de non respectar a separación de poderes deste país, salvo "cando eles gobernan" e insistiu en que o PSOE non vai apoiar ningunha emenda que supoña un beneficio para os condenados por corrupción política nin a despenalización do uso indebido dos recursos públicos.
Ademais, defendeu a emenda socialista que persegue desbloquear o Tribunal Constitucional para acabar co "secuestro" que, segundo dixo, exerce o PP do Poder Xudicial, e garantir o cumprimento da Constitución.
Recurso de amparo
Desde o PP, Cuca Gamarra anunciaba un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional polo que considera un "atropelo do poder lexislativo".
Di que esas dúas emendas se pretenden tramitar saltando todos os controis lexislativos. Para Gamarra, onte foi un "venres negro" na "deriva autoritaria" de Pedro Sánchez.
"A derrogación da política de sedición; a derrogación parcial da malversación, é dicir, o abaratamento da corrupción; as reformas do Poder Xudicial á marxe do propio Poder para colonizalo e controlar o Tribunal Constitucional non teñen parangón na nosa democracia".
Tras afirmar que o único obxectivo é "perpetuarse" no poder e dar "máximos poderes con mínimos controis" aos socios parlamentarios, cualificou de "barbaridade autoritaria" promover cambios no Código Penal a través dunha proposición de lei, vía emendas, de xeito urxente e "saltando todos os controis".
Segundo advertiu, o PP acudirá tamén aos organismos e institucións europeas e derrogará "estes ataques á orde constitucional" cando goberne, ademais de tipificar o delito de sedición, o referendo ilegal e todas as formas de corrupción.
Choques en Cataluña
Tamén hai choques en Cataluña onde a substitución do delito de sedición por desordes públicas agravadas, pactada por ERC co PSOE, non gusta a JxCat. O seu secretario xeral, Jordi Turull, considera que "menos anos de cárcere a cambio do risco de máis xente no cárcere non é ningunha solución".
No que respecta á xudicatura, a maioritaria Asociación Profesional da Maxistratura amosou a súa "preocupación" porque os cambios contribúen a "unha indesexable degradación das institucións e á estendida sensación de fracaso na defensa dos dereitos dos cidadáns".