O Poio vence no derbi de Ourense a base de golazos na segunda metade
O Poio vence no derbi de Ourense a base de golazos na segunda metade
Tardou en decidirse o derbi dos Remedios. Ourense Envialia e Poio Pescamar xogaron un encontro moi aberto, en que os goles non chegaron ata a segunda metade, e onde resultou demoledora a pegada das pontevedresas.
Nada máis iniciarse o tempo complementario, Laura Uña abría o marcador cun golazo espectacular á saída dun córner. O seu remate entrou pola escuadra dereita da porta ourensá.
E, cinco minutos despois, outro remate de Marta entraba exactamente pola mesma escuadra. Co cero a dous, o Poio deixaba encamiñado o triunfo na cidade das Burgas.
Pero aínda quedaba outro golazo, e outra vez levaría a sinatura de Laura Uña. Un novo remate desde a distancia para establecer o cero a tres definitivo, que deixa o Poio Pescamar con trinta puntos, igualado co Futsi, que ten un partido menos.