O Burela gaña o derbi galego e xogará a final da liga feminina de fútbol sala
O Burela gaña o derbi galego e xogará a final da liga feminina de fútbol sala
Derrotou o Poio Pescamar por 6-1 no terceiro e definitivo partido da eliminatoria
O Burela Pescados Rubén cumpriu coa súa condición de favorito e resolveu a eliminatoria de semifinais da liga feminina de fútbol sala cunha clara vitoria ante o Poio Pescamar (6-1). As pontevedresas gañaron o segundo partido pero atopáronse cun equipo local moi atinado, sobre todo no segundo tempo.
A primeira metade resultou igualada. Só se moveu unha vez o marcador co gol de Irene Samper para as laranxas. Na segunda parte tocoulle arriscar a Poio, sobre todo despois do segundo gol marcado por Dany, determinante na sorte do partido.
Burela non perdoa cando o rival se abre un pouco ou xoga con porteira - xogadora, e aí comezaron a caer os goles a partir do minuto trinta. Emilly Marcondes fixo o terceiro e Patri o cuarto. Recortou diferenzas Rocío Gómez (4-1) pero Cami Gadeia e Antía puxeron o definitivo 6-1.
As da Mariña chegan a unha nova final en que se enfrontarán a outro rival clásico, o Futsi Navalcarnero. As madrileñas derrotaron a Melilla por 4-3 no terceiro partido. A serie comezará no Pavillón de Vista Alegre de Burela con vantaxe de campo para o cadro galego.