O Porriño aguanta o acoso do Guardés e métese nas semifinais
O Porriño aguanta o acoso do Guardés e métese nas semifinais
O Mecalia dominou todo o partido e estivo a piques de forzar a prórroga, pero as porriñesas empataron e seguen na loita polo título
O Conservas Orbe Rubensa Porriño xogará as semifinais da Liga Guerreras logo de eliminar o Mecalia Guardés nunha eliminatoria de infarto. Xa o partido de ida resultou moi igualado, coa vitoria porriñesa por un gol de diferenza.
Na volta o Mecalia Guardés dominou o encontro de principio a fin, chegou a ter unha máxima vantaxe de seis goles pero non soubo levar a eliminatoria á prórroga pola postremeira reacción local.
O Mecalia empezou cun parcial de 0-2 e chegou a ter catro goles de vantaxe no primeiro tempo (7-11), distancia que mantiña no descanso (12-16). No comezo da segunda parte o Guardés chegou a ter unha máxima renda de seis goles (15-21) pero non conseguiu pechar o partido. O Porriño recurtou diferenzas e igualou (22-22) a oito minutos do final grazas a un parcial de 7-1.
A partir dese intre sucedéronse os empates, pero o Guardés entrou no último minuto por diante. Malena Valles acertou cun penalti para igualar e o Mecalia non acertou no último ataque que podería ter forzado o tempo suplementario.