O Porriño e o Guardés fanse fortes xogando como locais
O Porriño e o Guardés fanse fortes xogando como locais
As porriñesas gañaron por 29-22 ao Xixón nun gran segundo tempo
O Mecalia logrou un triunfo cómodo diante do Oviedo (29-20)
Xornada perfecta para os equipos galegos da División de Honra feminina de balonmán. Tanto o Conservas Orbe Porriño como o Mecalia Guardés conseguiron cadanseu triunfo diante dos dous representantes asturianos.
O Porriño tivo que traballar moito o partido para impoñerse ao Xixón (29-22). O primeiro tempo foi igualado (13-12), pero o inicio da segunda metade cun parcial de 6-1 permitiulle abrir unha marxe que xestionou dun xeito perfecto. Sarai Samartín, con 6 goles (4 deles no treito decisivo da segunda metade), completou un grande encontro.
Tamén finalizou con triunfo o partido do Mecalia Guardés diante do Oviedo, ao que chegaba empatado con dous puntos en tres xornadas (29-20). As guardesas tiveron o seu momento contra o final da primeira metade. O parcial de 9-2 dos últimos dez minutos do primeiro tempo propiciou que marcharan no marcador (17-9). As ovetenses xa nunca tiveron posibilidade de meterse nun partido en que chegaron a ir perdendo por doce goles (24-12).