O Porriño non acusa o cansazo europeo e gáñalle ao Rioxa na Liga Guerreras
Unha saída moi forte (10-3) permitiulle manexar unha vantaxe cómoda ao longo de todo o partido
O Conservas Orbe Zendal Porriño tiña unha proba de lume na Liga Guerreras despois da viaxe a Grecia e de poderen adestrar só un día para preparar o partido diante do Rioxa. Acabou gañando por 25-19 grazas a un inicio de partido asoballador.
Ao conxunto porriñés só lle valía a vitoria para seguir na pelexa pola cuarta praza e saíu con moita forza. No minuto 15 gañaba por 10-3 cun ritmo inalcanzable para o equipo visitante. O Rioxa perdía ao descanso por 16-8. Foi unha táctica moi pensada por Isma Martínez que sabía do posible baixón físico do seu equipo no segundo tempo. Así aconteceu porque na segunda metade custoulle moito ao Porriño manter o ritmo.
Con subidas e baixadas aguantou os oito goles de diferenza ata que quedaban dez minutos para o final (22-14) pero o treito final fíxoselles moi longo. De feito o cadro visitante conseguiu poñerse a só catro goles (23-19). Dous goles finais do cadro pontevedrés aseguraron unha vitoria que lles permite igualar co Granollers con 22 puntos nesa cuarta posición. Paulina Buforn (5 goles) e Carolina Bono (4 goles) foron as máximas anotadoras.