O PP abre expediente a Ayuso polas súas acusacións contra Casado
O PP abre expediente a Ayuso polas súas acusacións contra Casado
O secretario xeral dos populares, García Egea, fala de "deslealdade" da presidenta madrileña e anuncia accións legais
O secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, anunciou este xoves que o partido abriu un expediente informativo contra a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, tras as graves acusacións que lanzou contra o líder dos populares, Pablo Casado.
Nunha conferencia de prensa na sede de Génova, Egea informou tamén de que os servizos xurídicos do PP xa están a estudar as actuacións que "poidan xurdir en dereito" ante a situación que se creou.
Lamentou as "acusacións gravísimas" contra a dirección nacional do PP lanzadas por Ayuso que atribuíu ao seu desexo de convocar o congreso do PP de Madrid.
"Desde que consultamos con Ayuso [o suposto contrato do que se beneficiou seu irmán], o único que recibiu esta organización é unha campaña masiva de ataques intolerables e calumnias como as que se verteron hoxe mesmo", dixo o secretario xeral do PP.
Ademais Egea sinalou que o partido non está disposto a consentir "que ninguén use as siglas do PP para blindarse ante problemas nos que poida verse envolto".
"O único que pedimos a Ayuso foi colaboración real. Ayuso verteu acusacións gravísimas, case delituosas, contra o presidente e a toda a formación. É algo nunca visto no noso partido. O único que fixemos foi apoiala nos peores momentos. Imos abrir un expediente informativo para culminar as investigacións que se están levando a cabo", concluíu Teodoro García Egea.