Ábalos di que pensará a dimisión co seu partido, non porque a pida o PP
Ábalos di que pensará a dimisión co seu partido, non porque a pida o PP
Elías Bendodo di que o presidente é o "líder máximo" da trama e pide explicacións
José Luís Ábalos afirma que a súa dimisión estará determinada polo PSOE
O Partido Popular cre que o presidente do Goberno debe dar explicacións se non quere que o caso Ábalos acabe converténdose no caso Sánchez. Os populares afirman que Sánchez non sería presidente sen a axuda dos principais implicados nesta trama de comisións ilegais.
Mentres, o exministro de Fomento lembra que non está acusado de nada e que a súa posible dimisión estará determinada polo partido socialista.
Nunha entrevista no xornal EL País, José Luis Ábalos asegura que a acusación contra el, tras a detención do seu asesor, é política e mediática, non xudicial.
Engade que non se beneficiou dos contratos de compra de máscaras e que agora mesmo ten menos patrimonio que cando entrou no ministerio e Fomento.
Admite que non falou co presidente do Goberno sobre este asunto pero asegura que Pedro Sánchez sabe que é leal ao partido. Neste sentido e a pesar das declaracións da vicepresidenta: "Eu sei o que faría eu, non podo dicir o que vai facer o señor Ábalos".
Ábalos non cre que lle estean pedindo que deixe a acta de deputado. Aínda así di que está a disposición do partido e que se decide dimitir será de acordo coa dirección socialista.
Elias Bendodo, vicesecretario de Coordinación autonómica e local e análises electoral do PP, cre que o presidente do Goberno estaba ao tanto desta presunta trama de corrupción, porque implica, din os populares, os tres socialistas que levaron a Sánchez á secretaría xeral do PSOE e á presidencia do Goberno: Santos Cerdán, Ábalos e Koldo García.
"Os cerebros que fixeron que Pedro Sánchez gañara as primarias son os líderes da trama" (...) O primeiro que ten que dar explicacións é Pedro Sánchez, e se non dá explicacións, o caso Ábalos será o caso Sánchez porque terá moito que ocultar".