O PP renova o 75 % dos seus cabezas de listas para as xerais
O PP renova o 75 % dos seus cabezas de listas para as xerais
Postos de saída para o círculo de confianza de Feijóo e un ex de Ciudadanos encabeza a lista por Barcelona
Sáchez reúnese cos seus coordinadores de programa
O PP avanza na configuración das súas listas para as eleccións xerais. Xa se sabe quen encabezará cada provincia. Renóvase o 75 % dos candidatos.
O voceiro de campaña di que son o mellor equipo, fronte aos que presentan os adversarios políticos. De Sumar, Borja Sémper observa que "estes días estamos vendo como aqueles que viñan renovar a política e eran nova política, pelexan, nos estertores dos seus proxectos políticos, por manter un sillón". Sobre as listas do PSOE, considera o popular que "Sánchez está metendo con calzador a todos os ministros e todos os perdedores das últimas eleccións".
Alberto Núñez Feijóo coloca o seu círculo de confianza en postos de saída: Cuca Gamarra pola Rioxa, Elías Bendodo por Málaga, Esteban González Pons por Valencia e el mesmo por Madrid, acompañado de Borja Sémper e Cayetana Álvarez de Toledo, que deixa a lista de Barcelona. Substitúea alí unha nova fichaxe: Nacho Martín, o que foi voceiro de Ciudadanos no Parlamento de Cataluña ata hai unha semana. E outra novidade: Sergio Sayas, exdeputado de UPN, encabeza agora a lista do PP por Navarra.
Pola súa banda, o PSOE dá por pechado o capítulo das listas, tras seren ratificadas no Comité Federal a pasada fin de semana. A pesar das críticas lanzadas por moitos baróns territoriais, a voceira do executivo, Isabel Rodríguez, destaca que "finalmente, foron apoiadas por unanimidade, é dicir, por todos os que estabamos alí presentes".
O PSOE ponse agora a elaborar o programa electoral. Pedro Sánchez reuniuse este luns cos seus coordinadores, cinco deles son ministros do Goberno, incluíndo as vicepresidentas Teresa Ribera e Nadia Calviño.
Na conferencia de prensa posterior, a ministra de Asuntos Económicos avogou pola continuidade na próxima lexislatura, xa que os cidadáns, opina Calviño, "saben que esta axenda económica funciona, que é responsable, que trae máis prosperidade e benestar aos cidadáns e empresas españolas e, en fronte, non sabemos nin quen, nin que nin para que".
Pola súa parte, Teresa Ribera, vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, cre que hai "moitísima xente, sobre todo á dereita e á extrema dereita, que teñen moitísimas ganas de desmobilizar a esquerda".