O PP galego designará o sucesor de Feijóo o 21 e 22 de maio en Pontevedra
O PP galego designará o sucesor de Feijóo o 21 e 22 de maio en Pontevedra
Rueda evita anunciar a súa candidatura e móstrase satisfeito co proceso
Feijóo pide unidade e estabilidade ao partido para conseguir a quinta maioría absoluta
A xunta directiva do PPdeG acordou este luns por unanimidade a convocatoria do décimo oitavo congreso do partido os días 21 e 22 de maio no recinto feiral de Pontevedra. Nesa cita, designarase o sucesor de Alberto Núñez Feijóo como presidente do partido en Galicia.
Está previsto que sexa Alfonso Rueda, actual vicepresidente da Xunta e líder do partido en Pontevedra, o que tome o poder orgánico dos populares galegos, despois de recibir ao longo das últimas semanas o apoio expreso do resto de baróns provinciais.
Este congreso celebrarase a mesma fin de semana que está previsto o conclave do PP de Madrid, fixado para os días 20 e 21 de maio, unha cita que permitirá acabar con case catro anos en que a dirección rexional do partido estivo en mans dunha xestora. A este congreso poderá concorrer a presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso. Con todo, as citas congresuais coincidirán un único día, a xornada do 21, polo que Alberto Núñez Feijóo, como líder estatal, podería asistir a ambos os conclaves.
O presidente galego deixou o seu cargo o pasado 1 de abril para pasar a dirixir o partido no Estado tras a marcha de Pablo Casado.
Feijóo pide unidade ao partido para recoller unha quinta maioría absoluta
Alberto Núñez Feijóo pediu na reunión da xunta directiva do PPdeG na tarde deste luns "unidade e pluralidade" para conseguir a maioría absoluta por quinta vez.
Deu tamén a benvida "a unha nova etapa" do partido en Galicia e agradeceu a xenerosidade de quen deu un paso ao lado.
Rueda evita anunciar a súa candidatura
O actual vicepresidente da Xunta non quixo facer oficial a súa candidatura na substitución de Núñez Feijóo, pero si expresou satisfacción respecto a como o partido está xestionando o proceso. "Creo que se están facendo as cousas como hai que facelas, ordenadamente, planificadamente, con total respecto aos procedementos deste partido", asegurou Rueda.
Do mesmo xeito defendeu que a celebración dun congreso é "o mellor sistema" para escoller a remuda de presidencia na Xunta.