O PP aspira a ter un mínimo de 172 votos para a investidura de Feijóo
O PP aspira a ter un mínimo de 172 votos para a investidura de Feijóo
A confirmación oficial do novo escano do PP tardará aínda varias horas en ser oficial
Junts convértese en árbitro da investidura e Sánchez necesitaría do seu voto afirmativo
En Madrid continúa o reconto de votos. Esta mañá computábanse as papeletas dos residentes ausentes destinadas ao Senado. Onte trascendía que o Partido Popular lle arrebataba un escano ao PSOE, iso xa se dá por descontado, pero falta a confirmación oficial.
O PP pasaría a ter 137 escanos e o PSOE 121. O novo deputado popular é Carlos García Adanero, que fora expulsado de Unión do Pobo Navarro por votar en contra da reforma laboral,
Despois do reconto do Senado pasarase ao proceso do escrutinio xeral, que durará varias horas e o resultado non se fará oficial ata avanzada a tarde ou mesmo este domingo pola mañá. O Partido Popular facía esta mañá a lectura política da nova situación.
"O presidente Feijóo aspira a ter un bloque de apoio de 172 escanos, de ata polo menos 172 escanos. Pon nunha tesitura moi difícil a quen perdeu as eleccións, a Pedro Sánchez, xa que requiriría do apoio, non da abstención, senón do apoio decidido e firme tanto de Esquerra, de PNV, de Bildu como de Junts", sinalaba Pedro Rollán, vicesecretario de Coordinación Autonómica do PP.
O PP dá por feito o apoio de Unión do Pobo Navarro e tamén de Coalición Canaria para sumar 172 votos. A formación canaria púxolle liñas vermellas esta semana a calquera bloque que inclúa a Vox ou Sumar, pero está aberta a manter conversas a diferenza do PNV.
O evidente é que Junts se converte no eixo sobre o que gravitará a investidura, porque Sánchez só pode aspirar á presidencia do Goberno co si explicito do partido de Puigdemont.