Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP pide a Armengol que disolva os grupos de ERC e JxCat no Congreso por fraude

O PP pide a Armengol que disolva os grupos de ERC e JxCat no Congreso por fraude

Os populares piden ao Constitucional que aparte unha maxistrada da revisión dos votos nulos en Madrid

G24.gal 08/09/2023 11:19

O Grupo Parlamentario Popular presentou dous escritos á Mesa do Congreso en que pide á presidenta da Cámara Baixa Francina Armengol que disolva os grupos de ERC e de JxCat, que considera unha "fraude" contraria ao Regulamento, e integre os seus deputados no Grupo Mixto.

Os populares, que se opuxeron á creación de ambos os grupos na Mesa, onde están en minoría, enviaron estes escritos despois de que os deputados prestados por PSOE e Sumar volvesen ás súas propias filas, o cal o partido de Alberto Núñez Feijóo considera evidencia do "incumprimento dos requisitos para ter grupo propio" por parte de ERC e JxCat.

Argumenta o PP que o préstamo de catro deputados do PSOE a Junts e de dous de Sumar a ERC para que cumprisen o requisito de superar o limiar do 15 % do apoio en todas as circunscricións onde se presentaron é unha "indubidable fraude de lei" porque "a súa cesión non está dirixida a superar unha determinada cantidade de deputados, senón a un limiar de voto do que se carece".

"Estes deputados xa solicitaron o seu regreso ao PSOE e a Sumar, o cal, ademais de evidenciar a fraude de lei perpetrada, provoca o cesamento no cumprimento dos devanditos requisitos", apunta ademais o PP nun comunicado enviado aos medios, en que tamén sostén que esta práctica é unha fraude segundo o propio regulamento do Congreso e segundo a xurisprudencia do TS e o TC.

Tamén denunciou o Grupo Popular que a Mesa estableceu ademais "que o 15 % do apoio necesario en cada provincia sería sobre o total resultante de todas as provincias onde se presente o grupo", o cal consideran tamén contrario á norma.

Por todo iso, o PP pide que a Mesa do Congreso integre os deputados de Junts e ERC no Mixto para "restablecer os dereitos fundamentais do resto de deputados", e tamén dos cidadáns, que ven "vulnerados a representación política e o principio de igualdade".

O PP pide ao Constitucional que aparte unha maxistrada da revisión dos votos nulos

O PP pediu ao Tribunal Constitucional que aparte a maxistrada Laura Díez do recurso do PSOE contra a sentenza que rexeitou revisar máis de 30.000 votos nulos contabilizados en Madrid nas eleccións xerais do pasado 23 de xullo.

Os populares rexistraron este xoves un incidente de recusación contra Díez ao ser un anterior alto cargo de Moncloa, de maneira que agora o tribunal debe estudar se acepta ou non a petición do PP contra a maxistrada, que é precisamente a relatora do recurso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade