O PP pedirá estes luns no Congreso a dimisión de Armengol
O PP pedirá estes luns no Congreso a dimisión de Armengol
Miguel Tellado asegura que non pararán ata que Sánchez asuma responsabilidades
Óscar Puente non cre que José Luis Ábalos sexa un político corrupto
O Partido Popular rexistrará este luns no Congreso dos deputados un escrito no que pide a dimisión da presidenta da cámara, Francina Armengol, pola súa presunta relación coa trama de corrupción do caso Koldo.
Os populares insisten en que tanto Armengol como Pedro Sánchez sabían o que estaba pasando e tapárono. Mentres, o ministro de Transportes, Óscar Puente, defende o funcionariado do departamento que aparece no sumario do caso.
"Para min agora sería moi cómodo chegar e dicir fóra o subsecretario, fóra o que fixo unha foto con Koldo. O lóxico é agardar a ver onde chega a xustiza porque de momento non están denunciados nin se lles tomou declaración".
Nunha entrevista na Sexta, o ministro de Transportes tamén dixo que non cre que José Luis Ábalos sexa un político corrupto.
"O que espero é que non acabe afectado pola cuestión penal, a cuestión da responsabilidade política xa non lla quita ninguén".
Desde A Coruña, onde participou nun acto da caravana pola igualdade do PP, Miguel Tellado insistiu en que non se reuniu nin falou por teléfono con Koldo García.
"E a min moléstame especialmente que se me relacione con esta chusma socialista que se dedicaba a roubar diñeiro".
Tellado engade que os populares non van parar ata que o Goberno asuma a súa responsabilidade. Este luns presentan no Congreso un escrito que pide a dimisión de Francina Armengol.
"Armengol está facendo un dano grande ao Congreso devalando o prestixio dunha institución, non pode seguir nin un minuto máis non está capacitada nin ética, nin política nin moralmente e por iso Armengol ten que abandonar o antes posible a presidencia do Congreso dos deputados".