O PP anuncia a presentación dunha querela contra o PSOE por corrupción
O PP anuncia a presentación dunha querela contra o PSOE por corrupción
Será unha demanda por presuntos delitos de financiamento ilegal, suborno e tráfico de influencias relacionados co caso Koldo
O PSOE considera que "Feijóo non ten autoridade moral neste país para esixirlle explicacións a ninguén"
O Partido Popular vai presentar este luns unha querela na Audiencia Nacional contra o PSOE polos presuntos delitos de financiamento ilegal, suborno e tráfico de influencias relacionados co caso Koldo.
A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, informou desta decisión nunha comparecencia de prensa en Xénova, despois de reunirse de urxencia o comité de dirección do partido ante "a extrema gravidade" dos feitos, dixo, que se están a coñecer no que chamou "a trama Sánchez".
Referiuse a informacións xornalísticas e a outras que aparecen en informes da UCO, como que o exministro de Transportes José Luis Ábalos informou a Pedro Sánchez da visita a España da vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez, que tiña prohibido pisar chan europeo polas sancións impostas pola UE ao réxime de Nicolás Maduro.
Comisión no Senado
O que non aclarou Gamarra é cando planean chamar a Sánchez para que compareza na comisión de investigación sobre o caso Koldo no Senado, onde o PP ten maioría absoluta.
Limitouse a responder ante a insistencia da prensa que "non teñen ningunha dúbida de que será chamado no momento oportuno, veremos se antes desfilan os ministros ou como imos organizando os traballos".
Lembrou neste sentido que se vai proceder á solicitude da ampliación do obxecto da comisión para "que alcance a todo o novo que se está coñecendo nos últimos días".
"Moito máis implicado"
Segundo dixo, agora Sánchez "está moito máis implicado do que estaba ao principio", ata o punto, asegurou, de que xa é coñecido "como o número 1 da trama".
A dirixente popular subliñou que de uniren "todos os puntos da corrupción aparece a cara de Pedro Sánchez".
"Debería ser consciente de canto lle asfixia a súa corrupción. Canto antes marche, mellor", declarou.
Gamarra cre que todo o que está a saír á luz sobre o caso Koldo é grave, pero tamén o é "polos silencios e as mentiras" do presidente do Goberno.
"Ninguén mente nin ninguén cala salvo que teña algo que ocultar".
Os silencios, engadiu, non só están a afectar o PSOE, tamén a Sumar. Sobre os seus socios de investidura, agarda que reflexionen e se pronuncien para non se deixar "arrastrar pola corrupción que asfixia a Sánchez".
"Feijóo non ten autoridade moral"
A portavoz da Executiva Federal do PSOE, Esther Peña, respondeu dende Burgos ao anuncio do PP.
"Feijóo non ten autoridade moral neste país para esixirlle explicacións a ninguén. É unha anomalía en Europa que alguén cun amigo narcotraficante haxa aspirado a presidir un goberno".
A voceira socialista lembra que os populares teñen abertas "trinta causas por corrupción" pero o PSOE, tras a detención de Koldo García, "tardou só cinco días en suspender de militancia a José Luis Ábalos e abrirlle un expediente de expulsión do partido".
"Cando o PP actúe desta maneira contra a corrupción, poderá dar leccións. Ata entón, seguirán sendo o partido que esnaquizou computadores a marteladas, o partido dos sobresoldos e o partido do 'Luis, sé forte'", engade nunha nota difundida polo partido.
Isabel Díaz-Ayuso
Peña tamén fai referencia á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz-Ayuso, a quen acusa de remover "a pantasma da ETA con declaracións lamentables para desviar o foco da súa nefasta xestión".
Do mesmo xeito, convida a mandataria autonómica a dar explicacións "por 7.291 razóns" en alusión ás persoas maiores falecidas durante a primeira vaga da pandemia en residencias.
"Tamén debería dar explicacións polas comisións cobradas pola súa parella da empresa Quirón Saúde, unha das maiores beneficiadas pola privatización salvaxe da sanidade pública madrileña e pola construción de centros de FP fraccionando contratos: 300 son os que xa investiga a Fiscalía", sinala.
A portavoz federal lembra a "absoluta contundencia" do PSOE contra a corrupción e a súa "absoluta colaboración" coa xustiza e coas forzas e corpos de seguridade do Estado, tamén por parte do Goberno.