O PPdeG mantería a maioría absoluta e BNG e PSdeG repetirían resultado, segundo Sondaxe
O PPdeG mantería a maioría absoluta e BNG e PSdeG repetirían resultado, segundo Sondaxe
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é o líder que máis confianza transmite entre os entrevistados e o único que aproba
Se as eleccións autonómicas celebradas o pasado mes de febreiro en Galicia se repetisen nestes momentos, o resultado final volvería ser o mesmo: o PPdeG obtería 40 deputados, o BNG, 25, e o PSdeG, 9. Tamén Democracia Ourensá mantería a súa acta.
Así se recolle nunha enquisa de Sondaxe publicada este domingo por La Voz de Galicia na que tamén se reflicte que os populares lograrían o 46,6 % dos votos estimados, oito décimas menos que en febreiro, mentres que o Bloque alcanzaría o 32,9 % dos sufraxios, 1,6 puntos máis, e o PSdeG obtería o 12,3, é dicir, 1,8 puntos menos.
Ademais, o estudo sinala que os votantes do PPdeG e do BNG nas autonómicas son os máis satisfeitos coa súa decisión, xa que case o 87 % volvería elixir a mesma opción.
Doutra banda, a enquisa de Sondaxe conclúe que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é o líder que máis confianza transmite entre os entrevistados (35,2% e unha porcentaxe de coñecemento do 90,3 %). A continuación sitúase a portavoz do BNG, Ana Pontón (24,1 % e un coñecemento do 85,3 %), seguida do líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro (6,3 % e un coñecemento do 78,5 %).
En canto á valoración dos candidatos, Alfonso Rueda é o único que aproba, cun 5,1. Na oposición, Pontón cultiva un 4,8 e Besteiro, un 4.