Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente catalán pide un referendo pactado co Estado

O presidente catalán pide un referendo pactado co Estado

O Goberno central di que non comparte a proposta

G24.gal 27/09/2022 19:59

O presidente da Generalitat de Cataluña Pere Aragonès propuxo este martes un referendo pactado co Estado inspirándose na lei de claridade aprobada no Canadá para resolver a cuestión quebequesa.

A proposta fíxoa no debate de política xeral no Parlament.

A folla de ruta de Aragonès pasa por formular unha proposta "inclusiva", "escrupulosamente democrática" e "homologable internacionalmente", que se inspira nos referendos de independencia pactados entre O Canadá e O Quebec ou entre O Reino Unido e Escocia.

No ano 2000, o goberno canadense aprobou unha Lei de Claridade que establecía que o Parlamento de Ottawa debatería, 30 días antes do referendo, se a pregunta que o Goberno do Quebec formulaba aos seus cidadáns establecía claramente que o obxectivo da consulta era a independencia quebequesa.

A norma outorgaba ao Parlamento canadense a facultade de decidir se os votos obtidos polos independentistas bastaban para imporse e estipulouse que a maioría simple non era suficiente, ademais de especificar asuntos que entrarían nunha suposta negociación, como fronteiras, repartición de propiedade pública, débeda nacional ou dereitos de minorías lingüísticas e nacións indíxenas.

JxCat, socio de ERC no Govern, foi informado previamente desta proposta, aínda que varios dos seus dirixentes apenas aplaudiron ou se abstiveron de facelo cando Aragonès acabou o seu discurso de algo máis de hora e media.

O Goberno central desmárcase da proposta

A resposta do Goberno chegou pouco despois a través da súa voceira.

Isabel Rodríguez subliñou que "a vía e a senda do dialogo" marcada ao comezo desta lexislatura "está a dar os seus froitos", aínda que a Generalitat mantén "as súas pretensións de máximos, que non son en absoluto compartidas polo Goberno".

Tampouco avalou a proposta, por motivos distintos, a portavoz da CUP no Parlament Eulàlia Reguant, que tachou de "inútil" o plan do president, porque "a Moncloa non tardou nin 30 minutos en descartalo".

Á espera de que JxCat fixe posicionamento, os únicos que de momento abriron a porta a estudala foron os comúns, que xa expuxeron esta vía hai cinco anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade