Vieites acusa o Goberno de "intervencionismo en vea" coa nova lei de vivenda
Vieites acusa o Goberno de "intervencionismo en vea" coa nova lei de vivenda
O presidente da CEG tacha de "ocorrencia" o anuncio do Goberno sobre a mobilización de vivendas da SAREB
O representante da patronal galega amósase pesimista ante un posible pacto de rendas nestes momentos
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites, critica na Radio Galega a futura lei de vivenda acordada entre o Goberno central, EH Bildu e Esquerra ao considerar que acabará provocando a "contracción do mercado".
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Vieites pon en dúbida que na futura lei se defenda o dereito á propiedade privada e critica por intervencionista a nova norma. Mesmo fala de "intervencionismo en vea".
"Reivindicamos a necesidade de respectar o dereito á propiedade privada. O intervencionismo en vea que se está a producir por parte do mercado de alugueiro que está impulsando o Goberno coa lei de vivenda consegue o contrario do que se pretende e acaba provocando unha contracción do mercado".
Segundo explicou, dende a patronal galega apostan por construír máis vivendas de "prezo taxado" e engade que son "os primeiros en pedir que se constrúan cen mil vivendas máis ao ano".
Nas súas diatribas tamén inclúe o anuncio do presidente do Goberno de mobilizar vivendas da SAREB para facilitar o acceso á vivenda. Considera que antes "hai que valorar cantas son habitables, onde están situadas..." para, a continuación, engadir que moitas veces se propoñen "ocorrencias que despois hai que matizar moi ben porque non chega ao destino e ao obxectivo" que se pretende.
Pacto de rendas
O presidente da patronal galega é pesimista ante a posible consecución dun acordo de pacto de rendas nestes momentos. Asegura que os empresarios son conscientes do "impacto da inflación" e defenden unha suba salarial do 4 por cento pero rexeitan a retroactividade reclamada pola parte social.
"A prioridade debería ser neste ano o mantemento do emprego. Co cal é necesario un incremento acompasado neste contexto. Nós estamos por eses incrementos, non con carácter retroactivo, pero si uns incrementos de arredor do 4 %".
Así mesmo e nas vésperas do Primeiro de Maio, o presidente da CEG critica a ameaza sindical de aumento da conflitividade na rúa se non se consegue un acordo. Para Vieites, os sindicatos "están a xogar coas cartas marcadas" e na súa opinión "iso non favorece un clima normal para chegar a acordos".
"Chegan ao Ministerio e sempre parece que teñen sempre razón os sindicatos e iso é o que nos leva a este estado de crispación política na xestión e que realmente prexudica enormemente as empresas", engade.