Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vieites: "Reducir a xornada laboral xerará maior presión financeira e máis absentismo"

Vieites: "Reducir a xornada laboral xerará maior presión financeira e máis absentismo"

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) considera que moitos sectores non poden contratar máis persoal

Insiste en que unha redución das horas de traballo non negociada pode ter un custo directo de 11.800 millóns de euros

G24.gal 03/11/2024 09:30 Última actualización 03/11/2024 10:13

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, amosa a súa preocupación pola redución da xornada laboral en comunidades como a galega, onde "as pequenas empresas e os autónomos son o corazón do tecido produtivo", afirma.

Nunha entrevista na Radio Galega, Vieites considera que calquera cambio na xornada laboral sen consenso dos axentes sociais pode derivar nunha importante diminución de ingresos en sectores como a hostalería, o comercio e os servizos, onde a atención ao cliente e a dispoñibilidade é crucial.

"A xornada e traballo é clave para manter a capacidade produtiva, para entender os clientes e para evitar unha diminución de ingresos. En Galicia, unha redución das horas de traballo pode traducirse nunha presión financeira significativa. As empresas terían que contratar máis persoal e pagar máis horas extras, algo prohibitivo".

Vietes lembrou que a nivel estatal as pequenas e medianas empresas (Cepyme) advertiron de que unha redución non negociada do tempo de traballo mantendo as remuneracións actuais implicaría un custo directo de 11.800 millóns de euros polas horas que se deixan de traballar, unha cantidade á que habería que sumar 30.600 millóns de euros polo valor bruto que supón recortar tempo de traballo.

Segundo Vieites, a redución da xornada de traballo tamén podería xerar máis absentismo laboral, xa que de por si elevado en Galicia. "Na nosa comunidade estamos preto do 8 % e nas empresas privadas pode chegar ao 20 %". Por iso, o presidente da CEG considera que este asunto merece un diálogo social profundo.

"O debate está en mellorar a produtividade, non só a través de medidas tecnolóxicas, senón tamén mellorando a cualificación das persoas e a flexibilidade interna nas empresas".

Falta de man de obra en determinados sectores

En Galicia varios sectores deron a alarma pola falta de traballadores. Son, sobre todo, a construción, o transporte, o metal, a automoción, o naval a pesca extractiva e a hostalaría.

Para Juan Manuel Vieites, a realidade galega (con perda de poboación e unha elevada ruralidade) fai complicado abordar esta problemática.

Con todo, para o presidente da CEG, a solución pasa por investir máis na formación de profesionais incluso dentro do mesmo posto de traballo para que poidan rotar, traer talento de fóra e por mellorar na cooperación entre os servizos de emprego, as empresas e os centros de formación. 

"É crucial que os demandantes de emprego se comprometan coa formación e concienciar a xente nova de que cómpre capacitarse para estes sectores claves en Galicia e que necesitan traballadores. E tamén cómpre reducir as trabas burocráticas para que poida emprender".

Infraestruturas para o desenvolvemento do territorio

O presidente da CEG bota en falta unha maior axilidade e concreción por parte das administracións na posta en marcha de infraestruturas claves para a competitividade de Galicia.

A receita para Vieites consiste en facer un seguimento do cumprimento da planificación prevista dos proxectos e unha mellor coordinación entre a Xunta e Goberno central. De entre as obras pendentes, considera clave a posta en marcha do Corredor Atlántico de Mercadorías.

"O Corredor Atlántico de Mercadorías unha infraestrutura inaprazable para cohesionar o noroeste peninsular co resto de España e da UE. Cómpre conectar os principais portos co tren. Necesitamos que as mercadorías saian cara a Monforte dende o norte e dende o Sur de Galicia".

Entre os proxectos claves para a comunidade están a chegada do AVE a todas as principais cidades, a transferencia da AP-9 a Galicia e a conexión da alta velocidade con Portugal antes da data prevista, de 2032.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade