A Fiscalía portuguesa pide prisión preventiva para o xefe de Gabinete de Costa

O primeiro ministro dimisionario pide desculpas e considera probable non volver ocupar un cargo público

No Eixo Atlántico confían en que a crise política no país veciño non afecte os proxectos con Galicia

G24.gal 12/11/2023 13:52 Última actualización 12/11/2023 20:20

A Fiscalía Portuguesa pediu este domingo prisión preventiva para o xefe de Gabinete de António Costa detido polos casos de presunta corrupción que levou ao líder socialista a dimitir como primeiro ministro.

Este sábado pediulle desculpas á cidadanía nun discurso televisado e asegurou que a incautación de sobres con cartos no despacho do seu xefe de Gabinete, unha persoa que elixiu para o seu equipo, avergónzao.

"Máis que doerme pola confianza traizoada, avergóñame diante dos portugueses, e ante os portugueses teño o deber de pedir desculpas", afirmou o primeiro ministro dimisionario de Portugal.

Aínda que Portugal fala agora de que a investigación puido tomar nunha escoita o nome do ministro de Economía, que tamén se chama António Costa, polo do primeiro ministro, o dimisionario avanzaba antes que é posible que non volva ocupar un cargo público.

"Coa duración previsible deste proceso xudicial, con gran probabilidade non exercerei nunca máis un cargo público", vaticinaba.

O secretario xeral do organismo transfronteirizo Eixo Atlántico, que cre na inocencia de Costa, sospeita, porén, que o primeiro ministro dimitiu coa vista posta en Europa.

"Faino por dignidade, faino por cultura política, pero creo que tamén o fai para non pechar a porta do posto para o que eu creo que, se todo sae como é de esperar, porque penso que Costa non está implicado, ten moitas posibilidades: ser o próximo presidente do Consello Europeo", di Xoán Vázquez Mao.

Xoán Vázquez Mao confía en que o terremoto político en Portugal non afecte os proxectos do país veciño con Galicia, como o tren de alta velocidade.

"No que ten que ver coa conexión Lisboa-O Porto, O Porto-Vigo, en principio xa está aprobado no plano ferroviario, xa está na Asemblea da República, xa están facendo as enxeñerías en Infraestruturas de Portugal, e non debería de afectar", explica.

O secretario xeral do Eixo Atlántico admite, con todo, que estarán atentos ante posibles dificultades ou atrasos na execución dos orzamentos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade