O primeiro ministro eslovaco está fóra de perigo tras o intento de asasinato
O primeiro ministro eslovaco está fóra de perigo tras o intento de asasinato
O suposto autor dos disparos contra o mandatario está en prisión preventiva
A vida do primeiro ministro eslovaco, o nacionalista de esquerdas Robert Fico, está xa fóra de perigo pero precisa tempo para recuperarse, segundo informa este domingo o hospital onde foi ingresado en estado grave o mércores tras recibir catro disparos.
"Segundo o resultado da reunión matinal da xunta médica, pode concluírse que o paciente xa non se atopa en situación de risco vital inmediato", sinala na súa páxina da rede social Facebook o hospital F.D. Roosevelt da localidade de Banská Bystrica.
Juraj Cintula, o home de 71 anos que disparou contra Fico cando abandonaba un Consello de Ministros celebrado na localidade de Handlová, está no cárcere en prisión preventiva tras pasar a disposición xudicial.
Segundo declarou, atacou o primeiro ministro porque non lle gustan as súas políticas, coa intención de causarlle dano pero non matalo. Está a ser investigado por un delito de asasinato premeditado, o que podería carrexarlle penas de entre 25 anos e cadea perpetua.
Protestas cidadás
Desde que Fico regresou ao poder o pasado outono, á fronte dunha coalición de nacionalistas de esquerda e ultradereitistas, as súas propostas de abolir a Fiscalía Especial Anticorrupción ou a radiotelevisión pública provocaron protestas cidadás.
Juraj Cintula, que participou nas protestas organizadas pola oposición progresista e liberal, tivo no pasado vínculos cunha organización paramilitar de extrema dereita e manifestou opinións racistas contra a comunidade xitana.
Fundador dunha organización pacifista, procede dunha rexión de alto desemprego que sufriu a crise da minería.