Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Pritzker 2023 vai para David Chipperfield, arquitecto británico con fondos vínculos galegos

O Pritzker 2023 vai para David Chipperfield, arquitecto británico con fondos vínculos galegos

Chipperfield e a súa familia teñen en Galicia a súa segunda casa, cunha residencia en Corrubedo e un estudio en Santiago de Compostela

O xurado do máximo galardón mundial de arquitectura destácao como "sutil pero poderoso, moderado pero elegante" e ao mesmo tempo "prolífico e radical na súa moderación, demostrando a súa reverencia pola historia e a cultura"

David Chipperfield, gañador do premio Pritzker 2023 (EFE/Cabalar)
G24.gal 07/03/2023 16:50 Última actualización 07/03/2023 21:41

David Chipperfield alzouse este martes co Premio Pritzker 2023, segundo anunciou hoxe o xurado do galardón. O arquitecto británico declarouse "atafegado" ao coñecer o ditame do premio, que se lle resistía desde facía anos.

"Como arquitectos podemos ter un papel máis destacado e comprometido na creación non só dun mundo máis fermoso senón tamén máis xusto e máis sostible -dixo-. Debemos estar á altura deste desafío e axudar a próxima xeración a aceptar esta responsabilidade con visión e coraxe”.

Chipperfield (Londres, 1953) asinou ao longo de máis de catro décadas máis de cen proxectos, entre os que destacan intervencións en edificios públicos como o Neues Museum de Berlín, a Royal Academy of Arts ou as Procuradorías de Venecia (Procuratie Vechie).

O seu estudio ten sedes en Londres, Berlín, Shanghai e Milán, amais de Santiago de Compostela, onde ten a súa sede a Fundación RIA, que nun futuro ten previsto instalarse nun edificio da céntrica rúa da Virxe da Cerca, no casco histórico compostelán.

O inglés, formado con Richard Rogers e Norman Foster na súa mocidade, ten unha relación moi especial con Galicia, a súa segunda casa, onde veranea desde fai tres décadas. O arquitecto e a súa familia teñen unha casa en Corrubedo.

Alí fundou en 2017 RIA, un foro de debate, desenvolvemento e promoción de ideas para apoiar o desenvolvemento e protección da paisaxe e a economía local da zona, e levou a cabo colaboracións con firmas locais como Sargadelos.

O Premio Pritzker, considerado o máis alto recoñecemento mundial da arquitectura, súmase a outros galardóns: a RIBA Royal Gold Medal, o Premio Mies van der Rohe -ambos en 2011- e a Medalla Heinrich Tessenow (1999).

"Sutil pero poderoso, moderado pero elegante, é un arquitecto prolífico que é radical na súa moderación, demostrando a súa reverencia pola historia e a cultura", sinala o fallo do xurado, ao que tivo acceso EFE.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade