Publicador de contidos
Publicador de contidos

Distinguen o ferreiro artesán Chago co premio Arquitectura para un Mundo Mellor

Distinguen o ferreiro artesán Chago co premio Arquitectura para un Mundo Mellor

Santiago Martínez Otero recibe este sábado o galardón co que o Colexio de Arquitectos de Galicia recoñece os seus valores persoais, de conciencia social e de cooperación na práctica do seu oficio

Chago realizaba este xoves no seu taller no Polígono do Tambre, en Santiago, a modelaxe dunha peza de forxa
G24.gal 03/10/2024 13:59

"Cando ía á escola de pequeno pasaba diante dun ferreiro e alí me ía a vista. Foi un oficio ao que sempre xoguei, pero non puiden acceder a el ata que Xerardo Estévez, Peridis e outras persoas montaron a escola taller de restauración e rehabilitación en Santiago. Presenteime e fun un dos afortunados en ser elixidos, e aí empecei". Chago fala do espertar á profesión da súa vida.

Desde aquela leva case corenta anos de oficio que fixeron de Chago unha eminencia na creación e restauración de forxa artística e tradicional. O traballo coas súas mans, curtidas e experimentadas, adózao a harmonía que envolve cada peza que modela.

"É unha fusión, cando a xente me pregunta se toco algún instrumento digo que si, que fago heavy metal. E engado que o que fago é petar no ferro. Uso un martelo co que fago notas musicais. Si, é unha harmonía"., afirma este artista da forxa.

Crea e tamén restaura pezas gastadas polo paso do tempo. Traballos seus son moitos dos elementos de forxa da Catedral e de numerosas edificios históricos de Santiago e de moitas outras localizacións, elementos de cartelería, balcóns, enreixados... Todas son pezas de artesanía, únicas e mesmo auténticas obras de arte que el idea tendo en conta moito factores. O sábado suma ao seu palmarés un premio do Colexio de Arquitectos de Galicia:

"É un premio que non é para arquitectos precisamente. É para xente que dentro da arquitectura, non sendo arquitectos, cooperamos activamente en manter e defender como, por exemplo, é o meu caso, o patrimonio que é de todos", explica Chago.

Carga de traballo non lle falta e aínda así saca tempo para compartir a súa sabedoría nos foros aos que o convocan. Di que tratará de formar alguén que lle dea continuidade ao coñecemento que atesoura o seu taller artesán. Encontrar man de obra, di, non está a ser doado.

"Hai unha cantidade de coñecemento e de loita durante tantos anos para chegar a manter unhas técnicas, recoñecidas agora mesmo, e sería unha mágoa que todo isto quedase no limbo", conclúe o artesán santiagués.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade