O programa de estancias termais da Xunta para maiores de 60 duplica as prazas en 2023
O programa de estancias termais da Xunta para maiores de 60 duplica as prazas en 2023
Está destinado a maiores de 60 que poden acudir cun acompañante
A Xunta subvenciona o 40 % do custo
O envellecemento activo e saudable e a promoción do emprego e da actividade económica en zonas rurais e de interior. Son os dous eixes que artellan o programa Benestar en Balnearios da Xunta de Galicia.
Os requisitos para optar a dez días en estancia nun balneario galego e en pensión completa son ter máis de 60 anos, ou máis de 55 se se é pensionista. A Xunta faise cargo do 40 % do custo. E cada usuario pode ir cun acompañante. Hai dezaseis balnearios para escoller e quendas desde o 22 de outubro ata finais de decembro.
O presidente da Xunta acudiu hoxe ao de Cuntis para anunciar que está aberto o prazo de inscrición e que este ano hai dispoñibles o dobre de prazas, ata as 1.200 en total.
"Queremos duplicar as prazas e o orzamento, case 300.000 euros dedicados a este programa que ten moito que ver coa Política Social", dixo Alfonso Rueda, presidente da Xunta.
O programa pretende favorecer a desestacionalización turística promovendo a actividade económica en outono-inverno e en zonas rurais e do interior. Unha baza, a do termalismo, en que Galicia ocupa unha posición moi favorable.
A inscrición para o programa Benestar en Balnearios está aberta. Poden facerse en liña, na web da Xunta, ou nas oficinas, e tamén imprimindo o formulario e xestionándoo desde unha oficina de Correos.