O Congreso non investigará a espionaxe, pero Sánchez deberá comparecer no pleno
O Congreso non investigará a espionaxe, pero Sánchez deberá comparecer no pleno
PSOE e PP votaron xuntos contra a proposta para investigar a suposta espionaxe a independentistas e nacionalistas
Sánchez terá que comparecer no Congreso para dar conta sobre o caso Pegasus, tras sumar votos o PP e os nacionalistas vascos e cataláns
O CNI segue revisando os móbiles do equipo de goberno, pero polo momento só está confirmada a espionaxe ao presidente do Goberno e á ministra de Defensa. Non consta ningún outro afectado por agora. Tampouco se sabe que está detrás das escoitas, segundo dixo o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, nunha entrevista na Cadena Ser.
A Xunta de Portavoces do Congreso rexeitou este martes, cos votos do PSOE, PP, Vox e Ciudadanos, a creación dunha comisión de investigación sobre a suposta espionaxe a políticos a través do programa 'Pegasus', como solicitaran Unidas Podemos e os socios parlamentarios do Goberno. Para o voceiro dos socialistas, Héctor Gómez, "as liñas abertas son suficientes".
Unidas Podemos foi dos máis críticos cos socialistas por opoñerse a que o Congreso investigue a espionaxe ao subliñar o seu portavoz, Pablo Echenique, que se equivocan ao rexeitar esta comisión, que se rexistrou, en principio, para aclarar a suposta espionaxe a máis de 60 políticos independentistas e nacionalistas.
Tamén o resto de socios parlamentarios do Executivo insistiron en esixir esta comisión e ERC incluso advertiu ao Goberno de que isto pode afectar a estabilidade da lexislatura.
"Quen crea que isto se vai tapar, que isto non lles vai pasar por riba e que isto non se pode cargar a lexislatura, non está avaliando adecuadamente a magnitude do que temos en fronte", dixo esta mañá o voceiro de ERC, Gabriel Rufián.
Dende Junts per Catalunya, Mìriam Nogueras pensa que "algunha cousa ten que esconder" o presidente do Goberno, a quen lle volve reclamar explicacións.
Comparecencia de Pedro Sánchez
Mentres se tombaba a comisión de investigación, o PP e os independentistas e nacionalistas cataláns e vascos aliñáronse para apoiar a solicitude de comparecencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no pleno da Cámara co fin de dar conta do caso de espionaxe política a través do sistema 'Pegasus'.
A xunta de Portavoces do Congreso aprobou por maioría e cos votos favorables de ERC, JxCAT, PDeCAT, PNV, EH Bildu, PP e Ciudadanos, entre outras formacións, que o presidente do Executivo acuda ao Congreso, a pesar de que PSOE e Unidas Podemos votaron en contra.
"Ante a máxima gravidade, as máximas explicacións", aseguraba a súa secretaria xeral, Cuca Gamarra.
O portavoz do PSOE, Héctor Gómez, sinalou en conferencia de prensa que o seu posicionamento era que antes de que comparecese Sánchez se desen outros pasos. Unha explicación que compartiu o portavoz de Unidas Podemos, Pablo Echenique, que tamén consideraba que non era o momento de "sustentar" a comparecencia de Sánchez.
No punto de mira están a directora do CNI, que comparecerá o xoves na Comisión de Segredos Oficiais, e a ministra de Defensa, que tamén pasará polo congreso este mércores.