O PSOE fala de "éxitos" do Goberno e o PP cre que o executivo está "en descomposición"
O PSOE fala de "éxitos" do Goberno e o PP cre que o executivo está "en descomposición"
Félix Bolaños pedíalle hoxe a Feijóo "patriotismo" e que se alegre polos datos positivos
Desde Podemos, Isa Serra solicítalle ao PSOE que non free a nova lei de vivenda
No PP din que con Sumar "non suma ninguén" e que o Goberno é agora un tripartito
Desde o PSOE, Félix Bolaños sostén que as políticas do Goberno funcionan e que o primeiro trimestre pechou cunha cifra récord en creación de emprego. Di que os vaticinios de apocalipse non acaba de chegar e envíalle unha mensaxe a Núñez Feijóo:
"Pídolle un pouco de patriotismo e que se alegre cando as cousas en España en economía e emprego van ben e que non rosme cando vexa que as cifras son positivas neste país grazas ao esforzo deste Goberno".
Isa Serra, voceira de Podemos, asegura que é posible revalidar o goberno de coalición con maior ambición social e pon énfase na prometida lei de vivenda.
"O Goberno de coalición comprometeuse coa cidadanía deste país a levar a cabo unha lei de vivenda que poña freo ás subas abusivas dos prezos dos alugueiros e que faga fronte aos desafiuzamentos e creo que é fundamental pedirlle ao partido socialista que cumpra".
No PP, Miguel Tellado sostén que o Goberno resta en vez de sumar e que carece de proxecto de Estado. Explica que Yolanda Díaz é unha cortina de fume para Sánchez porque así evita falar dos problemas reais, pero que agora hai un Goberno tripartito.
"Lamentablemente, temos un Goberno que está na división absoluta. Aquí non suma ninguén, pero é verdade que Pedro Sánchez está facendo contas, as contas para, aínda perdendo, poder seguir sendo presidente do Goberno. Nós podemos dicirlle ao conxunto da sociedade española que só queremos gobernar gañando".