O PSOE recorrerá no Supremo a decisión de non revisar os votos nulos en Madrid
O PSOE recorrerá no Supremo a decisión de non revisar os votos nulos en Madrid
A XEC decidira non revisar os 30.302 votos nulos rexistrados en Madrid
O PSOE recorrerá ante o Tribunal Supremo a decisión da Xunta Electoral Central (XEC) de non revisar os 30.302 votos nulos rexistrados en Madrid, segundo aseguraron a EFE fontes socialistas.
As fontes precisaron que aínda non decidiron en que data presentarán este recurso a unha semana de que se constitúan as Cortes Xerais cos resultados das eleccións do pasado 23 de xullo.
Con esta revisión, o PSOE ten a esperanza de recuperar o escano que lle arrebatou o PP tras o reconto do voto exterior.
O PSOE presentou un primeiro recurso ante a Xunta Electoral de Madrid despois de finalizar o escrutinio xeral co voto exterior e confirmarse que o PP obtivera 137 escanos, un máis ca a noite do 23X, e o PSOE quedara con 121 (un menos que no reconto inicial).
Este recurso foi desestimado o pasado 30 de xullo, polo que os socialistas elevaron a súa petición á Xunta Electoral Central que tamén rexeitou a pretensión dos socialistas de repetir o escrutinio.
A XEC alegou que os socialistas "non aducen ningunha irregularidade no escrutinio xeral como para xustificar a repetición que solicita".
Segundo o seu argumento, o PSOE limitouse "a invocar o seu dereito para revisar o voto nulo indicando a proximidade no número de votos necesarios para modificar a distribución de escanos na circunscrición de Madrid".
Para a XEC, estas alegacións non poden ser tidas en conta porque resultan contrarias "ao procedemento establecido pola Lei Electoral e faría inviable cumprir cos prazos previstos".