O PSOE reúnese en Suíza con Puigdemont e Junts di que non hai avances significativos
O PSOE reúnese en Suíza con Puigdemont e Junts di que non hai avances significativos
Os posconverxentes adiantan que se manteñen as diferenzas e que prevalecerá a defensa dos intereses de Cataluña
O PSOE mantén a discreción e o PP censura que os socialistas foran negociar con Puigdemont os presupostos do Estado
O PSOE tenta reactivar as pontes con Puigdemont e Junts tras as diverxencias das últimas semanas no Congreso dos Deputados.
O secretario de Organización dos socialistas, Santos Cerdán, tiña como misión explorar achegamentos coa vista posta nas votacións da senda de estabilidade e dos Orzamentos estatais.
Os de Puigdemont veñen de comunicar que o contexto actual non é o máis propicio para acordos e desde o PSOE manteñen a reserva.
"O partido socialista sempre que tivo reunións confirmounas e explicounas con transparencia e normalidade. Esa é a diferenza co Partido Popular, que mantiveron sempre reunións e non soubemos nunca de que falaron", explicou o ministro socialista Óscar López, aludindo a xuntanzas do PP con Junts.
Mentres, no Partido Popular censuran que Sánchez evitara ata o de agora unha conferencia de presidentes autonómicos para tratar o financiamento, mentres negocia con Puigdemont en Suíza.
"Paréceme incrible e desde o PP non entendemos que non se poida falar na conferencia de presidentes de financiamento, con todos os presidentes que representan a todas as comunidades autónomas, e os presupostos xerais de España si se poidan negociar en Suíza con Puigdemont", explicou a vicesecretaria dos populares Esther Muñoz.
E desde Esquerra Republicana avisan: se non se cumpre o pacto de financiamento singular para Cataluña "ata a última coma" romperán cos socialistas. Así o anunciaba secretaria xera de ERC, Marta Rovira.
"Aquí cabe facerlle unha unha advertencia ao Partido Socialista: se non se cumpre este pacto, se non se cumpre o pacto, chegaremos ao final do camiño".
Rovira aclarou que sen financiamento singular non haberá novos presupostos para a Generalitat e deixa a porta aberta para bloquear os orzamentos do Estado.