O PSOE rexistra en solitario a reforma da lei do 'só si é si'
O PSOE rexistra en solitario a reforma da lei do 'só si é si'
O voceiro socialista no Congreso, Patxi López, explica como se soben as penas e di que o concepto de consentimento "non se toca"
Igualdade critica que PSOE rompa a negociación e decida ir con PP
O PSOE rexistrou este luns en solitario no Congreso dos Deputados a súa proposta de reforma da Lei de garantía integral da liberdade sexual impulsada polo Ministerio de Igualdade de Irene Montero e coñecida como do "só si é si".
A proposición de lei no conta coa firma de Unidas Podemos ao non prosperar as negociacións desta fin de semana entre os dous socios do Goberno.
Unhas negociacións que estiveron centradas en como se poden castigar con maior pena as agresións sexuais nas que haxa violencia e intimidación, despois da acumulación de rebaixas de condenas a agresores sexuais en aplicación da norma.
O obxecto da reforma, segundo explicou o portavoz do grupo socialista, Patxi López, é "corrixir os efectos non desexados dunha boa lei" e "acabar coa alarma social" que xeraran as rebaixas de condenas a agresores sexuais. Auméntanse penas e "acoútanse" as pinzas para que as condenas sexan "moito máis correctas" cando a reforma entre en vigor.
Tras insistir en que non se toca a definición do consentimento nin se volve á distinción entre abuso e agresión sexual, asegurou a Igualdade que non negociaron con ninguén á marxe da coalición de goberno, "e moito menos coa dereita", e confiou nun amplo acordo con todos aqueles que defenden a lei e queren eliminar os seus efectos non desexados.
"O PP que non pretenda darnos leccións de ningún tipo, porque o que non quere é a lei", manifestou López xunto á secretaria de Igualdade do PSOE, Andrea Fernández.
A proposición de lei do PSOE, segundo avanzou este domingo a Ser, mantén a volta ás penas anteriores á entrada en vigor da lei cando haxa violencia, intimidación ou se anulou a vontade da vítima.
Recupera a pinza de entre 1 e 5 anos de prisión cando non haxa penetración e de entre 6 e 12 cando si a haxa, sempre que neses casos houbese violencia, intimidación ou se anulou a vontade da vítima.
Na exposición de motivos, asegúrase que a reforma "non afecta o corazón da norma xa que se mantén íntegra a definición do consentimento e, polo tanto, a esencia da regulación dos delitos contra a liberdade sexual".
Unha cuestión que parece non estar garantida para Unidas Podemos e que era a súa principal condición para aceptar modificacións na lei do 'só si é si'.
"O consentimento non se toca", asegurou onte Montero, que advertiu: "Quen pense que nos imos render non sabe o que nos ensinaron as nosas nais e avoas".
Dende Podemos aféanlle aos socialistas que souberan pola prensa de que ían presentar unha proposta "de forma unilateral". Para a voceira do partido, María Teresa Pérez, "é incomprensible que queiran volver ao Código Penal da Manada cos voto do PP".
No Ministerio de Igualdade tamén aseguran que descoñecían esta iniciativa do PSOE, que busca enducer as penas cando haxa violencia ou intimidación.
Dende o PP cualifican de "soberbia" a actitude do PSOE por non ter en conta o principal partido da oposición nun tema deste calado. "O problema non é que nós ofrezamos o noso apoio, o problema é que o Goberno e o PSOE non quere oír falar do apoio do PP para corrixir estas chapuzas", asegurou en rolda de prensa Borja Sémper, voceiro do seu comité de campaña.
Pola súa banda, os socios habituais agardan a ler a letra pequena, a comprobar que se blinda o consentimento na reforma. Sobre futuro da coalición, o voceiro do PNV, Aitor Esteban, opinaba que "eles saberán se rompen ou non" pero cre que "xa se lle viu a Irene Montero que non vai soltar a silla ata que disolva o presidente".