O PSOE ve posible a investidura desde o domingo e tras rexistrar a lei de amnistía

O PP di que a foto de Santos Cerdán e Carles Puigdemont  é a da "humillación e da rendición"

Fontes socialistas cren que o pleno podería celebrarse a semana vindeira

G24.gal 31/10/2023 14:24 Última actualización 31/10/2023 15:00

O secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, era a persoa máis solicitada este martes ás portas do Congreso.

Menos de 24 horas antes, Santos Cerdán deulle a Carles Puigdemont o recoñecemento como interlocutor que o líder de Junts reclamaba como condición previa para negociar a investidura de Sánchez.

No PP din que é a da humillación e a rendición dos socialistas. "Onte o Partido Socialista foise render e render pleitesía a unha persoa que ten cuestións pendentes co Tribunal Supremo", dixo o líder popular, Alberto Núñez Feijóo.

Nas filas do PSOE, as opinións dividíronse entre os que defendían, como dixo Sánchez, facer da necesidade virtude. A exvicepresidenta Carmen Calvo cre que "iso pasa polo que todo o mundo xa sabe, por acordar con outros que non pensan coma nós, nin nós coma eles".

Outros que se mordían a lingua para, como dixo o presidente manchego, non agriarlle o día á Princesa Leonor. "Haberá tempo para pronunciarse sobre iso e sobre fotos máis graves que virán o futuro. Preocúpame moito a situación que está vivindo España", dixo García-Page.

A Felipe González, chegoulle con 4 palabras, cando un xornalista lle preguntou se el tería feito esa foto. "Por quen me toma?", respondeu o expresidente do Goberno.

Desde Esquerra pídenlle a Junts que se coordinen con eles, agora que parecen aceptar a estratexia negociadora. A voceira das Generalitat, Patricia Plaja, dixo que "o Govern celebra que Junts entrase de cheo finalmente nesta negociación co PSOE".

Nas filas socialistas, a foto con Puigdemont avivou as esperanzas dunha investidura dentro dunha semana, aínda que antes haxa que pechar acordos con 5 grupos e rexistrar no Congreso o texto sobre a amnistía.

"A nós desde Galicia preocúpanos esa condonación da débeda, eses compromisos dos que descoñecemos moitas cousas e esas conversas que se levan ás agochadas. Deben preocupar a todos os españois e tamén os galegos porque podemos ver recurtados moitos dos fondos que tiñan que chegar a todas as comunidades autónomas e que semella, pola información que sae, só van chegar a Cataluña. Desde logo creo que iso os galegos e galegas nos indigna", dixo Diego Calvo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade