Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Rácing, ao límite na defensa para recibir o Granada

O Rácing, ao límite na defensa para recibir o Granada

O Granada visitará a Malata mañá ás 17:00 cun Rácing que só ten dous centrais sans

Os andaluces son un dos favoritos ao ascenso para un Cristóbal que non goza de xogar os dous primeiros partidos na casa

G24.gal 23/08/2024 12:43 Última actualización 23/08/2024 13:09

Cristóbal Parralo compareceu na conferencia de prensa previa ao partido de mañá ante o Granada. Os ferroláns chegan coa recente nova da mancadura de Erick Cabaco, que sofre unha rotura musculotendinosa e estará fóra do equipo un tempo estimado entre dous e tres meses.

Cabaco súmase á baixa de David Castro na mesma posición, non obstante, Cristóbal engadiu que este último está a recuperarse ben. Segundo afirmou, o club está a valorar se reforzar a zaga de cara ao peche do mercado dada a sensible situación que teñen actualmente, con unicamente dous centrais en disposición de xogar. Un destes é Aleksa Puric, que a ollos de Cristóbal está a "traballar ben" e "presta moita atención", o que facilita a súa adaptación ao Rácing e ás esixencias de Parralo. 

Outro nome propio é Manu Vallejo, que se incorporou ás filas racinguistas nesta semana e que, tras adestrar hoxe por primeira vez, estará na convocatoria de mañá. Iso si, Cristóbal aclarou que non se atopa polo momento en condicións de disputar os noventa minutos. Sobre a perla da canteira ferrolá, Cristóbal aclarou que David Carballo seguirá a adestrar co primeiro equipo durante toda a temporada ao tempo que poida compaxinar partidos coa súa categoría e algunha posible convocatoria co primeiro equipo. 

O técnico do Rácing deixou claro que mañá visitará a Malata un equipo que, de manter o seu cadro de xogadores ao final do mercado, distínguese como un dos claros favoritos a pelexar polo ascenso. Precisamente sobre volver a xogar na casa, Cristóbal mostrouse incómodo pois, ao seu ver, isto supón certa presión para o equipo. 

Por último, unha das lecturas máis positivas que se sacaron do debut en liga foi o potente xogo aéreo que demostrou o Rácing. Parralo destacounos como "importantísimas". Para el, estas "meten nun estrés importante ao outro equipo en cada falta, córner..."

O partido, mañá ás 17:00 na Malata ante o Granada C. F. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar