O Rácing queda con pé e medio na Primeira Federación (0-1)
A derrota diante do Burgos déixao a catorce puntos da permanencia
Íñigo Córdoba marcou o único gol do partido nun penalti que mandou repetir o árbitro
As posibilidades de permanencia do Rácing minguaron moito despois da derrota por 0-1 diante do Burgos. Recuperaban os dous equipos o partido que fora adiado hai un mes, unha cita considerada como unha das últimas oportunidades do Rácing para meterse na lea de pelexar pola categoría. Podía poñerse o cadro departamental a oito puntos do Burgos, equipo que marca a salvación, pero acabou a catorce.
Comezou o partido cunha grande ocasión de Raúl Blanco. Un espellismo dentro dunha primeira metade que se moveu a un ritmo moi lento e con escasa calidade. O Burgos quería manter o cero na súa portería e dedicouse a defender con orde. No último minuto desa primeira parte o colexiado asubiou penalti por mans de David Castro despois de revisalas no VAR. O lanzamento de Ojeda foi detido por Yoel, que debutaba, pero houbo que repetir o lanzamento ao entraren varios xogadores na área. O segundo lanzamento, de Íñigo Córdoba, acabou na rede.
No segundo tempo o Rácing pediu un penalti por mans pero o árbitro non indicou nada. As ocasións seguiron escaseando. Unha boa de Arroyo para o Burgos e unha clara de Jáuregi para o Rácing. E para de contar.