O Real Madrid resolve en dous minutos de inspiración diante da Arandina
O Real Madrid resolve en dous minutos de inspiración diante da Arandina
Joselu marcou de penalti o gol que abriu o triunfo (1-3) xa na segunda parte
Xirona, Xetafe e Raio completaron o pleno de equipos de Primeira
Sen brillantez o Real Madrid superou a Arandina por 1-3 nun partido en que tardaron 53 minutos en chegar os goles. Foi o silledense Joselu o que marcou de penalti o 0-1. Dous minutos máis tarde Brahím poñía o 0-2 e sentenciaba a eliminatoria.
Nun día de festa para o equipo da 2ª RFEF a ledicia foi maior co gol en propia porta de Nacho xa no engadido. Rodrygo non deixou lugar a dúbidas e anotou o definitivo 1-3.
O colíder da Primeira, o Xirona, superou o encontro diante dun Elxe que tamén se empregou con moita ilusión e tivo opcións ata o 0-1 marcado por Blind contra o final da primeira metade. Yan Couto sentenciou o pase do equipo catalán.
Máis problemas tivo o Xetafe para superar o Español. Houbo que agardar ata o minuto 87 para que Luis Milla marcase o único tanto do partido (0-1).
O que máis sufrimento pasou foi o Raio Vallecano. Houbo que agardar ata o minuto 118 de partido (28 da prórroga) para que Óscar Valentín marcase o gol que evitaba os penaltis. Co Huesca emborcado Isi Palazón acadou o 0-2 definitivo.
No duelo entre equipos de Primeira o Alavés derrotou por 1-0 o Betis e meteuse nos oitavos de final. Nun partido asubiado polo ferrolán Iglesias Villanueva e no que se estreou como titular o ex-xogador do Rácing Carlos Vicente o equipo local impúxose grazas a un gol de Carlos Benavídez.