O rei de Inglaterra retoma a súa actividade pública o martes despois de tratarse dun cancro
O rei de Inglaterra retoma a súa actividade pública o martes despois de tratarse dun cancro
O rei e a raíña Camila farán ese día unha visita conxunta a un centro de tratamento contra esa enfermidade
O rei de Inglaterra, Carlos III, volverá o vindeiro martes 30 de abril aos seus compromisos públicos tras un "período de tratamento e recuperación" polo cancro que padece, segundo informou este venres o palacio de Buckingham.
O rei e a raíña Camila farán ese día unha visita conxunta a un centro de tratamento contra o cancro, onde se reunirán con especialistas médicos e pacientes.
Esa será, segundo apunta a nota, a primeira visita dunha serie de "compromisos externos" que acometerá o monarca nas próximas semanas.
O comunicado revela ademais que Carlos III e a súa esposa recibirán os emperadores de Xapón, que virán ao Reino Unido o próximo xuño nunha visita de Estado.
O palacio sinala que ao achegarse o primeiro aniversario da coroación do monarca, o próximo 6 de maio, os reis continúan estando "profundamente agradecidos polos moitos bos desexos e a amabilidade que recibiron de todo o mundo ao longo das alegrías e desafíos do pasado ano".