Publicador de contidos
Publicador de contidos

O AVE chega a Galicia como un "éxito colectivo" que marca "un antes e un despois"

O AVE chega a Galicia como un "éxito colectivo" que marca "un antes e un despois"

"España necesitaba este AVE tanto ou máis que Galicia", di Pedro Sánchez

O presidente da Xunta destaca que a nova infraestrutura, "longamente esperada", equipara a comunidade co resto de España

Filipe VI á súa chegada á estación de Ourense, acompañado polo resto de autoridades presentes na inauguración do AVE a Galicia (EFE/Emilio Naranjo)
G24.gal 20/12/2021 08:58

Cunha antelación duns 15 minutos sobre o horario previsto, o AVE chegaba á estación de Ourense ás 12 e cuarto deste mediodía para culminar o primeiro traxecto entre Madrid e Galicia, case dúas décadas despois do comezo das obras.

"Un momento histórico", en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que describiu esta infraestrutura, "unha meta longamente esperada e intensamente demandada" como "un antes e un despois", un "éxito colectivo desta terra".

O presidente da Xunta destacou que o AVE é "un activo de valor incalculable para aproveitar ao máximo o potencial turístico do Xacobeo 21-22". Referiuse especificamente a Ourense: "Convértese no gran centro nodal do turismo de Galicia".

Ademais, Núñez Feijóo puxo o acento sobre as implicacións económicas do AVE non só para Galicia, senón tamén para o resto de España. "Desde agora estamos mellor preparados para progresar xuntos", dixo, e dirixíndose tanto ao rei como ao presidente do Goberno, amosou o seu convencemento de que "Galicia é un  bo lugar para investir, merece a pena facelo. Estou seguro de que pronto teremos a ocasión de demostrar que esta inxente cantidade de diñeiro publico mereceu a pena".

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tamén cualificou o remate da obra como "un fito histórico", e expresou o seu convencemento de que "o esforzo mereceu a pena".

O presidente referiuse á conectividade que proporciona esta liña como "clave para rachar coa sensación de illamento que Galicia percibiu ao longo de moitos anos", destacou a oportunidade para o turismo e "a ocasión de demostrar que unha gran liña de alta velocidade como esta pode actuar como un sólido factor de cohesión territorial". 

"España necesitaba este AVE tanto ou máis do que o necesitaba Galicia, chamada a xogar un papel fundamental, eu diría que protagonista, en transición enerxética, en desenvolvemento sostible, en combater eficazmente o reto demográfico", asegurou o presidente.

No acto tamén interveu a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, que non dubidou en considerar a alta velocidade como unha "débeda histórica" con Galicia. Saldar esta débeda, dixo a ministra, supón "acabar cunha verdadeira inxustiza".

 

 

O AVE partía da estación de Chamartín-Clara Campoamor, en Madrid, un minuto antes das dez menos cuarto da mañá. No convoi, o rei Filipe VI compartíu vagón co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, e a ministra de Transportes, Raquel Sánchez.

A primeira parada realizábana en Zamora, inicialmente para que se incorporara á comitiva oficial o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco. Un viaxeiro que finalmente non subiu ao tren porque o presidente castelán-leonés asinou hoxe as Cortes da comunidade autónoma e convocou eleccións anticipadas, así que finalmente non participou na viaxe de inauguración.

Quen si subiu ao tren, pero na Gudiña, xa en territorio galego, foi o presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo recibiu as autoridades no andén da nova estación Porta de Galicia para descubrir unha placa conmemorativa da histórica data. Aínda non eran as 12 do mediodía.

 

Na estación da Gudiña descubriuse unha placa conmemorativa Na estación da Gudiña descubriuse unha placa conmemorativa

Os últimos 119 quilómetros do AVE entre Madrid e Galicia foron os de maior complexidade técnica. Con 30 túneles e outros tantos viadutos, trátase do tramo máis complicado de toda a rede de AVE existente.

O rei e o presidente do Goberno na cabina do AVE esta mañá. EFE/Casa da S.M. o Rei/Francisco Gómez O rei e o presidente do Goberno na cabina do AVE esta mañá. EFE/Casa da S.M. o Rei/Francisco Gómez

Minuto a minuto

09:32

Todo preparado na estación de Chamartín para a saída do AVE, prevista ás 9:45, que chegará á estación de Ourense ás 12:30. O rei e o presidente do Goberno xa están na estación. En Zamora incorporarase o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e na Gudiña, na nova estación Porta de Galicia, subirá ao tren o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. Ás 12:26 está prevista a chegada a Ourense.

09:44

O tren sae puntualmente da estación.

10:03

Ademais do rei e do presidente do Goberno, viaxan desde Madrid a vicepresidenta segunda Yolanda Díaz, a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, e outros altos cargos do Goberno. Tamén anteriores responsables do ministerio, como os galegos Ana Pastor e José Blanco. Este último, poucos minutos antes de partir, referíase a esta infraestrutura como "un éxito colectivo de toda Galicia". "Alégrome de que Galicia non perda o tren do futuro", dixo Blanco.

10:15

O presidente de  Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, que tiña previsto subir ao tren en Zamora, acaba de asinar o decreto de disolución das Cortes da comunidade autónoma e a convocatoria de eleccións anticipadas para o 13 de febreiro de 2022.
 

10:59

O rei, o presidente do Goberno, a vicepresidenta segunda e a ministra de Transportes, conversan a bordo do tren AVE que se dirixe a Galicia. A foto é de Francisco Gómez (Efe).

11:01

O tren realiza unha breve parada en Zamora, onde estaba previsto que subise o presidente de Castela e León. Finalmente, Fernández Mañueco non fará a viaxe tras anunciar a convocatoria de eleccións anticipadas na comunidade autónoma.

11:35

O presidente Núñez Feijóo xa está na estación da Gudiña esperando o tren.

11:36

O AVE chega á nova estación A Gudiña-Porta de Galicia

11:42

Con bastante adianto sobre o previsto, o tren parou na estación da Gudiña. O presidente da Xunta, Aberto Núñez Feijóo, incorporouse aquí á comitiva tras o descubrimento dunha placa conmemorativa desta data histórica.

11:46

O tren abandona a estación da Gudiña e emprende o último treito da viaxe cara a Ourense.

12:15

O AVE chega á estación de Ourense

12:29

As autoridades xa están na estación de Ourense.

12:31

Comeza o acto de inauguración do AVE cun vídeo sobre esta infraestrutura.

12:34

Intervén a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, que cualifica a xornada como "un día histórico". "Foi unha tarefa de moitos anos en que en maior ou menor medida participaron distintos gobernos".

12:35

A ministra gaba as persoas que traballaron na obra para "saldar unha débeda histórica con esta terra", para "acabar cunha verdadeira inxustiza", di.

12:37

A responsable de Transportes destaca que esta infraestrutura "devora os interminables quilómetros que antes nos separaban". Engade que "aproximarnos representa un beneficio colectivo". 

12:38

"A Galicia illada e brumosa que describía Valle-Inclán hoxe é historia", conclúe a ministra.

12:39

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comeza a súa intervención: "Galicia vive un momento histórico". 

12:39

"Os galegos alcanzamos unha meta longamente esperada e intensamente demandada", di Núñez Feijóo.

12:40

"Un éxito colectivo desta terra", prosegue Feijóo, que salienta que "os galegos, a pesar de múltiples e diversos inconvenientes nunca renunciammos a logralo".

12:41

Feijóo destaca que o AVE é "un activo de valor incalculable para aproveitar ao máximo o potencial turístico do Xacobeo 21-22".

12:42

"Non imos malgastar nin un minuto de tempo falando do pasado, di o titular da Xunta, tras facer referencia ao atraso desta obra en Galicia.

12:43

Núñez Feijóo demanda que esta infraestrutura chegue ao resto das cidades e conecte Galicia co norte de Portugal.

12:44

"Ourense convértese no gran centro nodal do turismo de Galicia", di Feijóo, que destaca que constitúe unha alternativa sólida ao avión.

12:45

"Convertémonos así nunha nación máis vertebrada e cohesionada", di Feijóo.

12:46

O presidente galego agradece o traballo das persoas que fixeron posible o AVE, comezando polos profesionais que traballaron na obra, e tamén os responsables políticos que ao longo dos anos se encargaron da xestión do proxecto. 

12:47

"Galicia é un  bo lugar para investir, merece a pena facelo. Estou seguro de que pronto teremos a ocasión de demostrar que esta inxente cantidade de diñeiro publico mereceu a pena", dille Feijóo ao rei e ao presidente do Goberno.

12:49

"Desde agora estamos mellor preparados para progresar xuntos", di o presidente da Xunta, que destaca que non só é un bo día para as cidades galegas, senón tamén para España.

12:50

Núñez Feijóo asegura que "os galegos non imos esquecer esta data histórica; para nós é un antes e un despois; o AVE supón poder competir en termos de equidade e igualdade co Mediterráneo, co sur, e co resto de España".

12:51

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pecha as intervencións.

12:52

Pedro Sánchez tamén quere recoñecer o labor de todas as persoas que traballaron na infraestrutura.

12:52

"Desde o Goberno de España sempre tivemos claro que o AVE era unha prioridade absoluta", di Sánchez.

12:53

"Estou seguro de que todos os que estamos aquí presentes compartimos a convicción de que o esforzo mereceu a pena", di o presidente, que destaca a redución do tempo da viaxe non só con Ourense senón tamén coas outras cidades galegas. Unha redución de tempos que vén acompañada "dun incremento significativo dos servizos".

12:54

"Imos realizar o resto de intervencións para completar a próxima liña de AVE que conectará Madrid con Valladolid e con Santiago de Compostela", di Sánchez.

12:56

"Hoxe celebramos a consecución dun fito histórico", di Pedro Sánchez.

12:57

O presidente refírese á conectividade como "clave para rachar coa sensación de illamento que Galicia percibiu ao longo de moitos anos".

12:58

O presidente do Goberno destaca a oportunidade para o turismo e "a ocasión de demostrar que unha gran liña de alta velocidade como esta pode actuar como un sólido factor de cohesión territorial". 

12:59

O presidente asegura que "España necesitaba este AVE tanto ou máis do que o necesitaba Galicia, chamada a xogar un papel fundamental, eu diría que protagonista, en transición enerxética, en desenvolvemento sostible, en combater eficazmente o reto demográfico...".

13:01

O presidente conclúe a súa intervención insistindo en que "necesitamos a mellor versión de Galicia para contribuír de forma decisiva á transformación e á modernización de España e non me cabe dúbida de que a liña do AVE é un paso decisivo nesa dirección".

13:04

Remata o acto cunha foto de familia na estación de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade