Publicador de contidos
Publicador de contidos

Renfe substitúe dous servizos de Alvia por Avril na liña Vigo-Madrid a partir do 5 de novembro

Renfe substitúe dous servizos de Alvia por Avril na liña Vigo-Madrid a partir do 5 de novembro

Trátase dun traxecto con saída desde Vigo na mañá e outro de regreso á cidade olívica pola tarde, que gañan prazas e reducen o tempo de viaxe con este cambio

G24.gal 16/10/2024 11:48

Renfe mellora a oferta de trens entre Galicia, Zamora e Madrid a partir do 5 de novembro ao modificar o servizo e poñer en circulación dous AVE S106 máis neste corredor, que virán substituír a dous dos anteriores servizos Alvia, na conexión Vigo-Zamora-Madrid.

Desta forma, as 22 circulacións diarias ofertadas (ida e volta) entre Galicia, Castela e León e Madrid pasaranse a prestar con seis AVE S106, catro AVE S112, dúas Avlo e dez Alvia.

A compañía aumenta desde ese día a oferta total de prazas no corredor Galicia-Madrid con 2.500 extra á semana, ao ampliar a capacidade de butacas co cambio dos tradicionais trens Alvia a novos AVE, prestados cos S106 de rodadura desprazable, e que contan con máis de 500 asentos, case o dobre que os Alvia. En total, a oferta semanal no corredor Galicia-Castela e León-Madrid pasará a ser de preto de 54.000 prazas.

Tamén se producirá unha importante mellora nos tempos de viaxe que se recortarán ata en 26 minutos no caso do AVE Vigo-Madrid, e 21 minutos no AVE Madrid-Vigo.

Os dous novos servizos AVE con S106 substituirán a estes dous Alvias: o Alvia Madrid-Vigo, con saída da capital ás 11:20 (que modificará lixeiramente o seu horario de saída desde o 5 de novembro en AVE ás 11:23 en Chamartín, e paso por Zamora ás 12:29), con paradas en Zamora, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo.

Tamén é substituído o Alvia Vigo-Madrid das 17:08 (que trasladará o seu horario de saída como AVE ás 17:16 desde Urzaiz, e ás 20:14 desde Zamora), con paradas en Pontevedra, Vilagarcía, Ourense, A Gudiña, Sanabria AV/AV, Zamora, Medina AV/AV, Segovia e Madrid.

Co cambio de tipo de tren nestes dous servizos amplíanse as prazas ofertadas e, ao pasar a prestarse cun servizo AVE, mellórase en confort e prestacións.

O resto da oferta comercial entre Galicia e Madrid mantén as súas frecuencias actuais. Os billetes para viaxar a partir do 5 de novembro xa están dispoñibles nas canles oficiais de venda de Renfe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade