Publicador de contidos
Publicador de contidos

España achega 1.000 millóns de euros a Ucraína para reforzar as súas defensas

España achega 1.000 millóns de euros a Ucraína para reforzar as súas defensas

Sánchez e Zelenski reúnense na Moncloa e asinan o acordo na primeira visita oficial do presidente ucraíno

O rei compromete o apoio de España ao país invadido "o tempo que sexa necesario"

G24.gal 27/05/2024 12:15 Última actualización 27/05/2024 20:35

O acordo en materia de seguridade entre España e Ucraína asinado este luns polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, supón un compromiso de "apoio militar" por parte española que alcanza os 1.100 millóns de euros este ano para reforzar as súas capacidades defensivas.

Así o subliñou Sánchez nunha conferencia de prensa conxunta con Zelenski tras a reunión que ambos mantiveron no palacio da Moncloa, na que fixo fincapé en que esta cantidade permitirá a Ucraína "reforzar" os seus recursos de defensa incluída a súa "defensa antiaérea", que considerou "clave" para poder protexer á poboación civil ante os ataques de Rusia contra o seu territorio.

O presidente do goberno dixo que este acordo "supón un novo exemplo da nosa determinación por prover a Ucraína dos instrumentos para a súa defensa, a súa seguridade ante a ameaza á que se enfronta".

Sánchez reiterou o apoio español a Ucraína tras os máis de dous anos desde que comezou a invasión rusa e dixo que a súa "valerosa" loita en favor da súa "liberdade e independencia" supón un exemplo para todos os que cren "na democracia, a paz e a igualdade entre estados".

 

Zelenski agradece o apoio de España

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, agradeceu o acordo de seguridade asinado este luns con España, "un documento estratéxico importante", que só neste 2024 prevé a entrega de mísiles Patriot e tanques Leonard por valor de 1.100 millóns de euros, a maior axuda militar nunca comprometida por España. Ademais, suporá unha achega de 5.000 millóns en total ata 2027.

Tras a firma do acordo bilateral de seguridade co presidente do Goberno español, Zelenski destacou o compromiso de España con este convenio, que creará postos de traballo, novos mísiles e equipamento blindado, así como o desenvolvemento de tecnoloxía.

Subliñou que España é un "socio fiable" que "non pecha os ollos" ante a agresión rusa e agradeceu tamén a súa participación no cumio de paz que terá lugar en xuño en Suíza e á que confirmaron a súa asistencia noventa países, segundo engadiu o presidente ucraíno na súa primeira visita oficial a España. 
 

Filipe VI recibe a Zelenski

O rei, Filipe VI, recibiu esta mañá no aeroporto de Baraxas ao presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, quen chegou a España arredor do mediodía para unha visita oficial na que ademais de reunirse co monarca e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, visitará o Congreso dos Deputados.

Filipe VI esperou no pavillón de Estado do aeroporto madrileño a chegada do mandatario, un xesto de especial relevancia por parte do xefe do Estado, quen a última vez que acudiu a recibir a un líder estranxeiro foi en xuño de 2022 co presidente dos Estados Unidos, Joe Biden.

O monarca recibiu a pé da escada do avión a Zelenski, vestido coa súa habitual indumentaria militar, en manga curta; estreitaron as mans mentres intercambiaron impresións brevemente. Seguidamente, ambos escoitaron os himnos dos dous países e o rei acompañou ao presidente ucraíno ata o pavillón de Estado.

"Nestes momentos tan terribles que padecen, señor presidente, Ucraína sabe que seguirá contando con España e, esperemos, co resto dos seus socios internacionais durante o tempo que sexa necesario", dixo Filipe VI.

Sánchez agarda a Zelenski na Moncloa

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, agardou por Zelenski no Palacio da Moncloa, onde ambos comparecerán tras o seu encontro.

Sánchez e Zelenski saudáronse cun apertón de mans ás portas do edificio do Consello de Ministros do Complexo da Moncloa, onde chegou en coche o presidente ucraíno ás 12:45 horas.

Flanqueados polas bandeiras de España, Ucraína e a UE intercambiaron unhas palabras e pousaron para os informadores gráficos antes de acceder ao interior para manter unha reunión.

Con motivo da visita, o presidente ucraíno e o xefe do Goberno asinaron un acordo de seguridade polo que España se compromete a garantir e aumentar a axuda en armamento para facilitar que o país poida facer fronte á ofensiva rusa.

O presidente non informou a Sumar dos detalles do acordo. Os socios de Goberno protestaron e piden que se vote no Congreso. "Isto fíxose con total falta de transparencia, de xeito totalmente opaco, e nós non o compartimos", queixábase o seu voceiro, Ernest Urtasun.

Tamén o PP lle afea ao Goberno que non informase o Congreso do acordo, pero aínda así apoio o executivo na axuda militar que lle vai prestar a Ucraína. "Nós fomos moito máis leais co Goberno no caso de Ucraína que os seus aliados", dixo Alberto Núñez Feijóo nunha entrevista en Onda Cero.

A visita de Zelenski completouse cunha xuntanza cos voceiros parlamentarios no Congreso. Os de Podemos e Bildu non acudiron, tampouco os de Esquerra e o BNG, que alegaron problemas de axenda.

O presidente ucraíno aproveitou a súa visita para condecorar a título póstumo a Emma Igual, a cooperante española asasinada por un mísil ruso mentres axudaba a evacuar feridos da fronte de guerra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade