Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Reino Unido dá luz verde á extradición de Julian Assange aos Estados Unidos

O Reino Unido dá luz verde á extradición de Julian Assange aos Estados Unidos

O fundador de Wikileaks ten 14 días para presentar unha apelación 

Os EUA reclámano por delitos de espionaxe e intrusión informática

G24.gal 17/06/2022 12:09

A ministra británica do Interior, Priti Patel, asinou a orde para extraditar o fundador de WikiLeaks, Julian Assange, aos Estados Unidos, que o require por cargos de espionaxe, segundo informou este venres o seu departamento.

O 20 de abril pasado, un xuíz dun tribunal británico emitiu unha orde de entrega do xornalista australiano aos Estados Unidos para ser considerada polo Goberno do Reino Unido.

"En virtude da Lei de extradición de 2003, o ministro do Interior debe asinar unha orde de extradición se non atopa argumentos para prohibir que se emita a orde", indicou un portavoz do ministerio nun comunicado divulgado hoxe.

Esa fonte agregou que "as solicitudes de extradición só se envían á ministra do Interior unha vez un xuíz decidiu que se pode proceder tras valorar varios aspectos do caso".

"O 17 de xuño (hoxe), tras a valoración dos xuíces da Corte de Maxistrados de Westminster e do Tribunal Superior, ordenouse a extradición de Julian Assange aos Estados Unidos. Assange mantén o dereito de apelación nun prazo de 14 días", segundo isto.

O portavoz oficial engadiu que "as cortes británicas non atoparon que o proceso de extraditar a Assange sexa opresivo, inxusto ou supoña un abuso de proceso".

"Tampouco encontraron que a extradición sexa incompatible cos seus dereitos humanos, como o dereito a un xuízo xusto e á liberdade de expresión, e que mentres estea nos Estados Unidos vaia ser tratado de maneira apropiada, como no referido á súa saúde", puntualizou.

A xustiza estadounidense reclama a Assange para procesalo por 18 delitos de espionaxe e intrusión informática polas revelacións do seu portal que, segundo o seu equipo legal, poden carrexar ata 175 anos de cárcere nese país.

A decisión pode ser recorrida polas partes, pero só se o Tribunal Superior o autoriza. Ademais, a defensa tería en última instancia a opción de recorrer ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Os EUA contra Julian Assange

O caso Assange ou Wikileaks comeza en 2006 cando se crea a páxina de filtracións. En xullo de 2010, a organización difunde a varios xornais informacións cuns 91.000 documentos sobre a guerra en Afganistán.

Nese ano, Assange solicita permiso de traballo e residencia en Suecia, pero denégaselle ao ser investigado por unha dobre denuncia de violación e abuso. Ao decretarse o seu ingreso en prisión foxe do país.

Cara a finais de 2010, Wikileaks filtra documentos do Pentágono sobre a guerra en Iraq e outros diplomáticos sobre a guerra en Afganistán.

O 7 de decembro entrégase á policía británica e ingresa en prisión preventiva. En xaneiro de 2011 queda en liberdade baixo fianza. Un xuíz acorda a súa extradición a Suecia, contra a que presenta recurso.

En xuño de 2019 refuxiase na embaixada do Ecuador en Londres, logo de que o Tribunal Supremo británico accedese á extraditalo.

A investigación continúa. En maio de 2017 a Fiscalía sueca pecha a investigación e retira a orde de arresto. Volverá a abrila e pechala en 2019. Mentres, o Ecuador concédelle a nacionalidade e segue refuxiado na embaixada.

Finalmente o 11 de abril de 2019 é detido na sede diplomática ecuatoriana tras autorizarse a entrada, unha vez que o Ecuador lle retira o asilo.

Un gran xurado en Virxinia, os EUA, presenta contra el 18 novos cargos por espionaxe e publicación de documentos altamente clasificados. Mentres, no Reino Unido iniciase o proceso para a súa extradición que pasa por todos os estamentos xudiciais, con sucesivos autos e recursos.

En decembro de 2021, o Tribunal de Apelación de Londres autoriza a súa extradición, ao considerar que hai suficientes garantías. En marzo deste 2022 o Tribunal Supremo, máxima instancia xudicial británica, desestima o recurso de Assange.

Así, o 20 de abril o Tribunal de Maxistrados de Westminster emite a orde para extraditalo, que este venres asinou a ministra do Interior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade