O Resurrection Fest coroa o seu cartel para 2023 con Slipknot, Pantera e Ghost
O Resurrection Fest coroa o seu cartel para 2023 con Slipknot, Pantera e Ghost
Viveiro buscará ser epicentro da música máis dura con grupos estrela de todos os xéneros, alén dos cabeza de cartel: Alter Bridge, Amenra, Architects, Behemoth, Black Flag ou Papa Roach, entre moitos
Os organizadores do Resurrection Fest, un dos festivais de hardcore e metal máis importantes de España, confirmaron este mércores que os grupos Slipknot, Pantera e Ghost, encabezarán o cartel da próxima edición, que se celebrará entre os días 28 de xuño e 1 de xullo de 2023 en Viveiro (Lugo), xunto a máis de 80 bandas.
Segundo a información facilitada polos promotores do festival, Slipknot, a banda liderada por Corey Taylor, presentará en Viveiro o seu novo disco The End, So Far, en exclusiva para toda España, tras catro anos sen visitar a Península Ibérica.
Pantera: un anuncio con polémica
Tamén fará parada en Viveiro para toda España “a xira de reunión máis esperada da historia do metal, a dos americanos Pantera”.
“Un dos concertos máis esperados para todos os fans do rock e do metal en todo o mundo será un dos grandes atractivos de Resurrection Fest Estrela Galicia", aseguraron.
"Unha oportunidade única e irrepetible para ver a Phil Anselmo, Rex Brown, Zakk Wylde e Charlie Benante, quen descargará o seu repertorio, cheo de himnos da historia do metal no noso Main Stage”, informaron.
Foi este un anuncio non exento de polémica. Algúns usuarios protestaron a través das redes sociais por esta confirmación lembrando o controvertido vídeo do vocalista Phil Anselmo facendo o saúdo nazi e exclamando "white power" (poder branco) hai seis anos.
Regresan Ghost, Architects e Behemoth, entre outros
Pola súa parte, a banda sueca Ghost será “outro dos grandes atractivos da nosa edición máis ambiciosa ata a data”, insistiron os promotores do Resu.
O grupo liderado por Tobias Forge “presentará o seu incrible espectáculo para festivais”, co disco Impera, co “que alcanzaron o número un nas listas de vendas do noso país”.
Ademais das tres bandas que encabezan ese cartel, súmanse ao programa “Papa Roach, unha das bandas de rock con máis atractivo público desde hai década”, que visitará “Viveiro por primeira vez na historia do festival”, e mais “os ingleses de Architects, que volverán ser un dos grandes atractivos do Main Stage”.
Alter Bridge e Powerwolf serán “outros dos grandes nomes que actuarán nesta edición do festival, xunto a bandas como Behemoth, The Ghost Inside, Fever 333, Motionless In White e Lacuna Coil, que completan a lista dos grupos do Main Stage confirmados polos promotores do festival na mañá de hoxe.
Tamén está confirmada a presenza de Meshuggah, Amaranthe, Carpathian Forest e Pertubator, catro bandas que actuarán no segundo escenario, xunto a grupos como Belphegor, Blind Channel, Sleep Token, Landmvrks ou Vended, entre moitos outros.
Para os fans do hardcore e o alternativo
A nota hardcore e punk poñerana bandas como Hatebreed, Desakato (na súa xira de despedida) The Baboon Show, Madball ou Black Flag.
Outros grupos confirmados son H2O, Rise Of The Northstar, Brothers Till We Die ou Employed To Serve.
Completan tamén con The Ghost Inside a oferta máis core moderno os franceses Landmvrks, que xa triunfaran en Viveiro na edición en pandemia. Os americanos Attila traerán os seus ritmos pesados que fusionan deathcore con rítmicas hip hop.
Polo Desert Stage “pasarán artistas xa confirmados de primeira liña nas súas respectivas escenas musicais”, como os belgas Amenra, os franceses Alcest, os alemáns Kadavar, os americanos Coven ou o xaponeses Mono, e tamén Lucifer, The Inspector Cluzo ou Brutus, entre outros.
A próxima edición do Resurrection Fest será “a primeira na súa historia en que o festival se desenvolverá de maneira completa durante catro días, con concertos nos catro escenarios desde o próximo 28 de xuño ao 1 de xullo”.
A décimo oitava edición de Resurrection Fest Estrela Galicia será tamén a máis multitudinaria ata a data, con máis artistas internacionais anunciados que nunca, 50 dos cales nunca actuaron no festival aínda.
As entradas poñeranse á venda mañá, xoves, 1 de decembro, ás dúas da tarde na páxina www.resurrectionfest.es.