Primeiro festival de coros xuvenís de Lugo
No evento, promovido pola coral xuvenil de Lugo, participaron agrupacións do rosal e de Campo Lameiro
O salón de actos da delegación da Xunta acolleu o primeiro festival de coros xuvenís de Lugo, promovido pola coral da cidade que se creou hai poucos meses para promover este tipo de música entre a mocidade.
"Este proxecto xorde tamén como un xeito de promocionar o canto na mocidade e para que outros coros teñan un espazo onde poder cantar tamén", di o presidente do coro xuvenil de Lugo, Pablo Rico Echegaray.
"Pode formar parte calquera neno. Hai nenos con máis habilidades innatas, de oído, de afinación, pero se teñen ganas todo se pode facer", segundo Toñi Santos Vaquero, da escola de música e agrupación musical do Rosal.
Ademais do coro de Lugo, no espectáculo participaron outras dúas formacións, chegadas desde a provincia de Pontevedra. Para os integrantes dunha delas, esta era a primeira vez que cantaban diante de público.
"Estamos moi contentos e ilusionados. É a primeira vez que imos actuar en público, e fóra da casa, así que vai ser unha experiencia incrible. Estamos un pouquiño nerviosos, pero moi contentos e animados e moi agradecidos", manifestou Sonia Bouzada, directora do grupo Diamond de Campo Lameiro.