O risco de padecer cancro polo tabaco esténdese unha década tras deixar de fumar
O risco de padecer cancro polo tabaco esténdese unha década tras deixar de fumar
Unha investigación recomenda deixar de fumar canto antes para evitar a aparición de tumores
Apunta aos cincuenta anos como data límite para abandonar o tabaco
O tabaco non para de traer cifras negativas. A última, publicada na revista científica Jama Network Open, recolle que o risco de desenvolver un tumor por un fumador habitual non comeza a reducirse ata unha década despois de deixar de fumar.
"O corpo necesita entre dez e quince anos en igualar o risco que teñen as persoas que deixan de fumar co das persoas que non fumaron", asegura Mónica Pérez, investigadora da Área de Sáude Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Canto antes se deixe de fumar máis se reducirá a porcentaxe de risco de padecer un cancro derivado do tabaquismo.
"Os autores falan dos cincuenta anos como esa idade na que está o límite para deixar de fumar", precisa Mónica Pérez.
O fume de tabaco contén milleiros de substancias, moitas delas tóxicas e canceríxenas. En Galicia, cos datos máis actualizados publicados, faleceron nun ano 3.000 persoas por efectos relacionados co tabaquismo, aínda así a cifra é menor ca no resto da xeografía española.
"A taxa de mortalidade atribuída ao tabaco aquí en Galicia é unha das máis baixas, porque a taxa que amosan as mulleres, especialmente as de idade máis avanzada, é practicamente anecdótica", sinala Julia Rey, investigadora na USC e autora dunha tese doutoral que analiza estes datos, por primeira vez, en todas as comunidades autónomas españolas.
Os investigadores non esquecen tampouco o perigo para os chamados fumadores pasivos e a necesidade de desenvolver unha estratexia activa contra o tabaquismo, por unha banda, reducindo os puntos de venda e, pola outra, aumentando o prezo do produto.