O sábado de sol radiante enche as rúas de Baiona na celebración da súa festa grande, a Arribada
O sábado de sol radiante enche as rúas de Baiona na celebración da súa festa grande, a Arribada
Segundo día da festa grande de Baiona, a Arribada, que celebra a chegada á vila, en 1493, da carabela Pinta, e con ela a nova do descubrimento de América, só cinco meses antes.
O sol e a temperatura deste serán, chegouse aos 18 graos, fixeron que as rúas baionesas, o paseo marítimo de Baiona ou a rúa Real, se encheran de festeiros, moitos con traxes do medievo, aínda que nesta vixésimo sétima edición menos homes e mulleres caracterizados do século XV ca noutras.
Moitos participantes no festexo pensan no que sería vivir naquel século tan escuro para a maioría. Porque a Arribada recrea marzo de 1493, cando a carabela A Pinta arribou en Baiona chea de riqueza e coa nova do Novo Mundo. No século XV penurias pasaban moitas e batallar batallaban dabondo.
Cando se facían as paces, ou había unha voda real, unha coroación, ou calquera alianza política celebraban torneos. Eses torneos medievais son os que representan cada ano na praia da Ribeira, con pelexas sobre cabalos ou pelexas corpo a corpo. Coma cada edición, a xulgar pola entrega das bancadas, este teatro é un dos pratos fortes da Arribada.
Baiona agarda a visita duns 200.000 festeiros durante a súa festa grande, a Arribada. Desde hai oito anos está considerada de Interese Turístico Internacional. A Arribada de Baiona cumpre 27 anos de celebración. Das primeiras novas de América, algo máis, 530 anos.