O salario mínimo interprofesional para o ano 2023, por María Loureiro
O salario mínimo interprofesional para o ano 2023, por María Loureiro
O Consello de Ministros deste pasado martes 14 de febreiro fixou as novas contías do SMI, tanto para as persoas traballadoras que son fixas como para as que son eventuais ou temporais, e tamén para as empregadas e empregados do fogar.
O SMI para todas as actividades na agricultura, a industria e os servizos, sen distinción de sexo nin idade dos traballadores, queda fixado en 1.080 euros brutos mensuais en 14 pagas (15.120 euros brutos anuais).
Esta cantidade supón un incremento do 8 % respecto ao ano anterior. A medida entra en vigor con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2023. Isto significa que moitos traballadores deberán experimentar un aumento de soldo na nómina deste mes de febreiro e percibir o aumento que non cobraron en xaneiro de 2023, grazas á natureza retroactiva da medida.
Os obxectivos desta subida son basicamente culminar o de situar o SMI no 60 % do salario medio en 2023 e cumprir así o disposto polo Comité Europeo de Dereitos Sociais, ademais de garantir a capacidade adquisitiva dos salarios fronte ao custo da vida, en especial na actual situación dos prezos.
Pero como se compara con outros países da nosa contorna?
Os últimos datos de Eurostat dividen os países europeos en tres grupos en canto ao nivel de tipos mínimos. O primeiro grupo inclúe países onde o salario mensual oscila entre 399 e 840 euros, principalmente os países do Leste. O segundo grupo ten ingresos entre 887 e 1304 euros, en que se inclúen Portugal, España e Eslovenia. O terceiro grupo, cun salario mínimo de máis de 1700 euros ao mes, como é o caso dos veciños franceses. Como xa se pode ver, a diferenza nos salarios mínimos é significativa, e por exemplo entre Portugal e Francia supera os 1000 euros; e o salario mínimo máis alto en Europa é case sete veces maiores ca o máis baixo (Bulgaria –399 euros, Luxemburgo –2387 euros).
A quen afecta a suba?
Esta suba afecta directamente en España a 2,5 millóns de traballadores que cobran o mínimo legal, segundo as estimacións dos sindicatos. Afecta os traballadores tanto a tempo completo como a tempo parcial, pois o salario marcado corresponde cun coeficiente de empregabilidade do 100 %, o cal se axustará segundo sexa a reducción da xornada.
Sen embargo, o SMI ten efectos sociais amplos. Por un lado, a suba do salario mínimo implica máis recadación polas cotizacións sociais, xa que as bases mínimas de cotización aumentan dependendo do SMI e tamén as bases reguladoras das prestacións da Seguridade Social. As bases son o baremo que determina o que o beneficiario percibirá tras un cesamento da actividade laboral e serve por tanto para o cálculo da pensión de xubilación ou a de incapacidade permanente.
No lado negativo, a suba do SMI pode castigar máis as posibilidades laborais dos colectivos máis desfavorecidos ou doutros tramos xa con dificultades engadidas para entrar no mercado laboral, como son os mozos e mozas e as persoas con máis de 50 anos. No entanto, os datos iniciais indican que por subir o SMI non caeu (ou non de xeito significativo) a creación do emprego.
Deberíamos ter distintos SMI?
O tema de que distintos traballadores reciban distintos salarios mínimos é moi controvertido. Por unha banda, algúns organismos recomendan que para aumentar a contratación de determinados colectivos, tales como os mozos e mozas e os parados de longa duración, a súa contratación non debería estar suxeita a un salario mínimo.
Isto implicaría que estes colectivos aínda que traballasen poderían seguir sendo pobres e requerir de axudas sociais á vez que traballan. Entón é bo que haxa salarios baixos para certos tipos de traballadores? Pois que realmente o resultado diso é que o custo de contratalos pasa a ser tamén un custo social apoiado con diñeiro público e non só o tería que pagar o empresario. Seguro que existen mellores políticas públicas para apoiar a contratación destes colectivos que castigalos á pobreza.
Outros debaten sobre a necesidade de ter distintos SMI dependendo da zona en que se vive, para así adaptarse mellor aos distintos niveis de prezos das distintas areas. E aínda que isto poida ter certo sentido, temos que lembrar que o SMI regula, como o seu nome indica, salarios mínimos, e dependendo da demanda de traballadores das distintas zonas, estes niveis de feito soben por riba do SMI.
En resumo, non se pode pensar en empregar o SMI como unha ferramenta totalmente intervencionista de mercados e debemos pensalo máis como o que é: unha determinada política laboral que axuda á cohesión social e a minorar as bolsas de pobreza. E aínda que é unha ferramenta moi poderosa na política laboral, certamente, non vale para todo...