O Saltamontes de Vigo non tiña autorización municipal por documentación incompleta
O Saltamontes de Vigo non tiña autorización municipal por documentación incompleta
A parroquia viguesa celebra unha misa e un minuto de silencio pola vítima, natural de Viana do Bolo
A atracción de feira onde faleceu un mozo esta pasada fin de semana na parroquia viguesa de Matamá non tiña autorización municipal ao non presentar toda a documentación que lle solicitaron.
O Goberno municipal explica que lle trasladou ao titular da atracción varios requirimentos coa documentación que tiña sen achegar e tamén enviou á comisión de festas de Matamá a resolución onde se indicaba que os documentos presentados resultaban "incompletos para o exercicio de actividade" polo que se declarou a "comunicación non conforme”.
O Concello asegura que tanto o titular da atracción como a Comisión de Festas tiveron notificación escrita da falta de autorización por non atender eses requirimentos.
O Goberno local lembra que a ocupación temporal da vía pública para a celebración do evento está suxeita ao control e autorización previas do Concello.
Nestes casos, a administración local rexistra cada unha das atraccións xerando un expediente particular para cada unha delas.
Neste expediente, o titular debe achegar o proxecto técnico da atracción, manual de funcionamento e libro de operacións.
Pola súa banda, a Comisión de Festas presenta unha declaración responsable, asinada polo titular da atracción, onde se designa un técnico-enxeñeiro que certifica a instalación.
A autorización de ocupación de vía pública concédese unha vez que a documentación estea correcta e a declaración responsable entregada, algo que, neste caso, segundo manifesta o Concello, non se daba.
O xulgado de instrución número 3 de Vigo mantén abertas as dilixencias para investigar a morte que se produciu na atracción de feira.
O suceso rexistrouse ás 2 horas do sábado na rúa Manuel Cominges, nas festas da parroquia de San Pedro de Matamá, desde onde varios particulares alertaron de que se desprendeu unha parte dunha atracción.
Alí quedou atrapada a vítima, un home de 35 anos.
O falecido, Iván Castaño Hervella, residía en Vigo, pero era natural de Viana do Bolo.
Este luns o falecido será enterrado no cemiterio da igrexa parroquial de San Pedro de Tuxe, no Bolo.
Ademais, na mañá deste luns celebrouse unha misa na súa memoria en Matamá. Ao termo, gardouse un minuto de silencio nas inmediacións nas que aínda está o Saltamontes montado, custodiado 24 horas por unha patrulla policial.
A comisión de festas quixo enviar unha mensaxe de apoio á familia e deu as grazas por todo o agarimo recibido por parte dos veciños. González dixo durante o acto que "nin nos seus peores soños pensou que viviría algo así" e reiterou que "os seus pensamentos están sempre coa familia".