O San Brais de Bembrive, sen furanchos e con pasaporte covid
O San Brais de Bembrive, sen furanchos e con pasaporte covid
A romaría ten máis de 350 anos de historia
Centos de fieis honran en Vigo o santo avogoso dos males da gorxa
Ir de romaría nunha cidade non é o máis habitual hoxe en día, pero hai citas que nunca pasaron de moda como o San Brais de Bembrive, unha parroquia de Vigo que o leva celebrando máis de 350 anos.
Avogoso da gorxa, este ano recuperou a romaría pero non os furanchos. Tiveron que resignarse pero sen polbo, callos e música, non quedaron.
Os veciños e visitantes acudiron a algunha das misas que houbo de mañá e logo tomaron algo na explanada do Torreiro da Ponte, acotada con valados debido ás restriccións covid. A zona de exposición e venda de rosquillas era de libre acceso.
"Xa que non hai furanchos, pasalo o mellor posible, facerlle unha visita ao santo e marchar para a casa".
Cos seus máis de 350 anos de historia, está considerada unha das romarías máis populares de Galicia que só entende de devoción polo santo que cura os males da gorxa como ben se ve nos exvotos ofrecidos.
"Case exclusivamente o que máis se vende son gorxas" asegura unha vendedora de candeas e exvotos.
O polbo e os callos son parte da tradición gastronómica dunha festa que antes congregaba os traballadores dos estaleiros da cidade.
"Hai dun par de anos para acá que veñen moitas mulleres porque ante só viñan homes... de Vulcano, Barreras, Freire, Santo Domingo", explica un dos veciños.
Tampouco faltou a música con pasacalles, corais e grupos de música tradicional nun San Brais que precisou, nalgunha zona, de pasaporte. Cousas da pandemia.