O San Sadurniño regresa pola porta grande á elite do voleibol
O San Sadurniño regresa pola porta grande á elite do voleibol
Impúxose con remonta ao Textil Santanderina no partido polo ascenso de categoría (3-1)
O Intasa San Sadurniño regresa á elite do voleibol en España. Buscaba ese ambicioso obxectivo organizando a fase final e acadou o éxito despois de derrotar o Textil Santanderina no partido decisivo.
Chegaba cunha gran dose de cansazo despois de xogar dous partidos o venres. E o encontro comezou mal logo de perderen o primeiro set por 24-26. Pero os de Ferrolterra conseguiron reaccionar e impuxéronse no segundo parcial con claridade (25-18).
O terceiro e o cuarto decidíronse no último intre con marcadores moi axustados (25-23 e 26-24) que caeron do lado local, levados por unha fiel afección. Será un dos equipos máis modestos da primeira división pero volverá a dar guerra diante dos máis poderosos.