Máis de 1,3 millóns de persoas fuxiron de Ucraína dende o inicio da invasión
Máis de 1,3 millóns de persoas fuxiron de Ucraína dende o inicio da invasión
O secretario de Estado dos EUA anuncia en Polonia unha doazón de 2.750 millóns de dólares
As organizacións humanitarias pensan que a situación se vai agravar coa apertura dos corredores
A avalancha de refuxiados segue imparable no décimo día de guerra. Segundo as Nacións Unidas, 1,3 millóns de persoas fuxiron de Ucraína desde que comezou a invasión. Polonia acolleu a maioría, uns 800.000. Só nun día chegaron 106.000.
O secretario de Estado norteamericano anunciou, tras visitar un centro de acollida e reunirse coas autoridades polacas, unha axuda de 2.750 millóns de dólares para material humanitario, algo que agradece unha das mulleres refuxiadas. Outra fala de humillación e de ruína. Tamén agradece os apoios pero insiste en que queren volver á casa. Yelena pensa que a comunidade internacional lle permitiu demasiadas cousas a Putin e agora non sabe que facer.
O presidente de Romanía, outro dos países receptores, advirte de que a crise humanitaria se vai agravar. O ritmo de chegada acelerouse. Polo paso fronteirizo de Siret entraron 57.000 refuxiados nos últimos dous días, 200.000 desde que comezou a ofensiva rusa.
Máis da metade utilizan Romanía para seguir viaxe cara a outros destinos de Europa central. E case todos pasan antes por Moldova. Unha refuxiada conta que os rusos entraron na súa cidade. Asegura que botan bombas e destrúen todo, non só os edificios militares.
As organizacións humanitarias cren que a situación pode agravarse aínda máis se finalmente se abren os corredores humanitarios para evacuar as zonas asediadas polas tropas rusas.