O sector forestal galego supera as súas cifras históricas de venda de madeira
O sector forestal galego supera as súas cifras históricas de venda de madeira
Os propietarios obtiveron en 2022 uns ingresos próximos aos 350 millóns de euros
A Asociación Forestal Galega celebrou a súa asamblea xeral no pazo de Mariñán
O 2022 foi un ano histórico para o sector forestal galego que, por primeira vez desde que hai datos, superou a cifra de 10 millóns de metros cúbicos de madeira vendida, con ingresos de 350 millóns de euros. As perspectivas para 2023 son boas e os prezos, especialmente os do piñeiro mantéñense elevados.
A Asociación Forestal de Galicia celebrou a súa asemblea xeral no pazo de Mariñán, en Bergondo. O encontro permitiu facer balance e tamén abordar próximos retos. O sector mira con certa preocupación cara a outras zonas de España, onde a seca está causando a morte de especies especialmente resistentes, como o piñeiro carrasco e busca solucións a un problema potencial.
"Pódense facer traballos de mellora xenética das árbores forestais encamiñados a mellorar a súa resiliencia e a súa adaptación ás altas temperaturas e as máis baixas precipitacións", explica Antonio Rigueiro, presidente da AFG.
O sector continúa traballando da man da Fundación Arume para a recuperación do ecosistema galego de piñeirais. É consciente da súa dependencia excesiva de especies de crecemento rápido como o eucalipto e apostará pola diversificación.
"Tamén temos que prestar atención ás nosas madeiras, como os freixos, os castiñeiros, os bidueiros... que tamén teñen que ter o seu lugar", di Rigueiro.
Mellorar a fiscalidade forestal é un dos obxectivos a curto prazo da asociación, que ademais segue con interese, polo que implicará para os propietarios de montes, a tramitación da futura Lei de loita integral contra os incendios forestais.