O sector galego das TIC medra en emprendemento, emprego e facturación
O sector galego das TIC medra en emprendemento, emprego e facturación
A empresas que se dedican ás tecnoloxías da información e da comunicación superan as tres mil en Galicia e dan emprego directo a 23.000 persoas
As empresas galegas que se dedican ás tecnoloxías da información e da comunicación, as chamadas TIC, superan as tres mil en Galicia e dan emprego directo en Galicia a 23.000 persoas, segundo os datos facilitados polo Observatorio da Sociedade da Información de Galicia, Osimga.
Co pulo de grandes empresas, a Cidade das TIC e a sede de Aesia, A Coruña é a provincia con máis peso tecnolóxico. Concentra practicamente o 50 por cento do emprego nun sector que vive en Galicia un momento doce.
O presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral cdi que "nunca tivemos tanta facturación, tantas empresas, tantos empregados. Empresas que só se dedican a IA, a Big Data, a ciberseguridade. O primeiro impacto das TIC na economía galega é axudar as empresas a ser máis produtivas. Pero tamén é moi importante contar cun sector TIC orientado á exportación, que traballe para o mundo."
É fundamental a relación cos tres centros de investigación das universidades públicas galegas. Manuel González Penedo é director do CITIC, o da Coruña, e explica que esa colaboración nace "cando se quere crear algo novo. Necesita que persoas que levan moitísimos anos traballando nunha temática son capaces de darlle unha achega porque teñen coñecemento e dicir: isto pódese facer, e non hai nada no mercado. Hai moi poucas empresas que sexan capaces de facer iso. Precisan moitos recursos de persoal e tempo".
Tamén a relación cos centros de innovación tecnolóxica. Todos xuntos, no que denominan o ecosistema das TIC, achegan ao PIB galego máis que a pesca.
María Cadaval, profesora de Economía Aplicada na USC concreta que "se sumamos todo isto, arredor de 120.000 persoas están a traballar hoxe en Galicia no sector das TIC e todo o que isto supón. Isto significa un 10 % do emprego que temos en Galicia. Pasa a ser a hoxe un sector estratéxico, tractor da nosa economía".
Un dos últimos proxectos é a construción en Curtis do primeiro gran centro de control de datos de Galicia. O Goberno galego acaba de declaralo estratéxico.
Nicolás Vázquez, secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético mantén que se trata "dun sector moi innovador que vai permitir a dixitalización de toda a comunidade autónoma. Non só das industrias, tamén dos particulares que no día a día demandamos servizos de dixitalización".
Os promotores investirán nel 51 millóns de euros e crearán 200 empregos na construción e funcionamento.